ACTO CONXUNTO DO BNG CON GALIZA NOVA: "GARANTIR A VIVENDA. ERRADICAR A CRISE",

Avia Veira: "Queremos unha Coruña na que a xente poda vivir nos seus barrios"

Avia Veira acto de vivenda
Andrés López, Santiago Lamelo, Iago Lestegás e Avia Veira

A candidata do BNG á Alcaldía, Avia Veira, insta o Goberno Local a que amplíe a bolsa municipal de vivendas en aluguer e a que faga un estudo do parque inmobiliario da cidade que permita saber con exactitude cantos pisos baleiros existen na Coruña, paso previo para a súa posta no mercado.

Avia Veira: "Queremos unha Coruña na que a xente poda vivir nos seus barrios"

Estas son algunhas das propostas que Veira lanzou durante o acto “Garantir a Vivenda. Erradicar a Crise”, organizado polo BNG e Galiza Nova da Coruña e no que, alén dela, interviñeron Andrés López e Santiago Lamelo, da Plataforma Galega Vivenda Xa e da Plataforma polo Dereito á Vivenda, respectivamente, ben como tamén o concelleiro de Urbanismo de Santiago de Compostela, Iago Lestegás.

“O Goberno Local ten que facer un estudo do Parque Inmobiliario da cidade. Queremos saber en que situación se atopan as famosas 20 mil vivendas baleiras que hai na Coruña, en que situación de accesibilidade, de habilitabilidade, para as pór no mercado e aumentar a oferta de vivendas en aluguer”, afirmou Avia Veira.

022A1119
Un momento do acto

“O da vivenda non é un problema xeracional, non afecta só a mocidade. É un problema transversal e atinxe sobre todo as persoas traballadoras. Hoxe na Coruña é practicamente imposíbel mercar un piso co salario normal dunha persoa traballadora. Desde o BNG imos traballar para termos unha Courña en que a xente poda vivir nos seus barrios”, engadiu.

A Xunta ten competencias exclusivas

Desde o Concello pódense despregar políticas que melloren a situación -entre elas citou a de facer de EMVSA unha empresa que honre o seu nome e teña como obxectivo principal aumentar a oferta de vivenda pública en aluguer-, mais as principais competencias na materia tenas a Xunta. “Así o indica o artigo 27.3 do Estatuto de Autonomía”, esclareceu.

022A1102
Fotografía das palestrantes segundos antes de comezar o acto

Lamentou que o balance da Xunta do PP na nosa cidade sexa desolador. “Desde 2009, a Xunta de Feijoo primeiro e logo de Rueda só construíu 40 vivendas na Coruña. 40”.

De resto, Veira puxo o acento en que o Goberno de Inés Rey, pese a que o BNG llo ten demandado en moitas ocasións, non ten sido quen de ampliar a bolsa de vivendas municipais en aluguer. “A bolsa está estancada. Non aumenta”, lamentou.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Avia Veira: "Queremos unha Coruña na que a xente poda vivir nos seus barrios"