UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA
Unha nova talla de árbores... era inevitábel?
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, rexistrou unhas preguntas por escrito perante o feito de se ter realizado unha talla de árbores pola construción dun edificio na confluencia das rúas Pedro Ferrer, Manuel Murguía e Paseo de Ronda.
Jorquera quere saber se era imprescindíbel a talla e se o Goberno Local prevé, sendo que a obra está practicamente rematada, a reposición de árbores nas beirarrúas.
Cumpre lembrar que as estimacións sitúan en 25 mil o número de árbores na nosa cidade, moi por baixo dos 40 ou 50 mil que as persoas expertas consideran óptimo para unha urbe de 250 mil habitantes, salienta Jorquera.
“Diante deste dato, é obvio que o Goberno Local ten que avaliar todas as alternativas antes de tallar árbores. E se se opta por esa solución, ten que prever a reposición de exemplares”, conclúe.