Avia Veira vai levar ao Pleno os problemas dun Monte Alto "desatendido por un Goberno Local que non mira polos barrios"

Avia Veira en Monte Alto
Avia Veira atende os medios entre a Igrexa de San Xosé e o CEIP Torre de Hércules
A candidata do BNG á Alcaldía, Avia Veira, vai defender, no Pleno do vindeiro 14M, unha moción para instar o Goberno Local a que se ocupe do barrio de Monte Alto.
Avia Veira vai levar ao Pleno os problemas dun Monte Alto "desatendido por un Goberno Local que non mira polos barrios"

“En xeral, podemos dicir que o Goberno de Inés Rey non atende as necesidades dos barrios. Monte Alto non é unha excepción”, afirma Veira, veciña ela propia do barrio, quen presentou a moción nun encontro cos medios ao pé da Torre de Vixía.

A iniciativa do BNG contén propostas para mellorar os problemas de mobilidade e accesibilidade de Monte Alto, comúns ao resto de barrios da cidade. “O Goberno de Inés Rey non está a coidar o espazo público. O estado das beirarrúas, co pavimento moi deteriorado, ou os pasos de peóns, moitos deles despintados, complican o día a día de persoas con discapacidade ou diversidade funcional”, resalta Avia Veira.

“Por suposto que os problemas de mobilidade teñen a ver cun transporte público deficiente nas conexións cos hospitais ou cos polígonos industriais”, precisa Veira, quen, en relación ás políticas de accesibilidade, tamén apunta ás reiteradas avarías das escaleiras mecánicas de Adelaida Muro, que se “están estragando continuamente”.

O barrio está a ver tamén como se descoidan os seus edificios públicos máis emblemáticos, a comezar polo antigo cárcere, en estado ruinoso, ou unha Domus cuxa fachada non se dá reparado.

O Parque de Vixía

O emprazamento elixido pola nosa candidata á Alcaldía para este encontro cos medios non foi causal. “Estamos aquí, ao pé do depósito de Vixía, porque foi onde o Goberno Local anunciou en 2020 a construción do Parque dos Nenos, o Monte dos Nenos”, explicou.

Pois ben, o Goberno de Inés Rey demorou seis anos en licitar as obras do Parque de Vixía. “Seis anos! E se o acabou facendo foi pola presión política do BNG: o asunto levámolo ao Pleno en 2024 -cunha moción aprobada- e en 2025 e incluímolo no acordo orzamentario de 2024. Por tanto, se a obra foi licitada, foi pola insistencia do BNG”, remarca Veira.

Problemas de limpeza

Veira tamén puxo o acento en que o barrio precisa dunha “limpeza intensiva”, unha necesidade moi sentida polas veciñas e os veciños, un problema recorrente nos distintos distritos da cidade.

Máis recursos para o centro cívico aumentar a oferta de actividades para a veciñanza e unha área canina son outras das demandas do BNG para Monte Alto, completou a candidata nacionalista á Alcaldía
Avia Veira vai levar ao Pleno os problemas dun Monte Alto "desatendido por un Goberno Local que non mira polos barrios"