Avia Veira: "Grazas ao BNG, o Leira Park que presentou Inés Rey vai ser un parque de verdade"
O BNG condicionou o seu apoio á modificación puntual do PXOM no Parque da Agra á redución da edificabilidade e ao aumento das zonas verdes.
A redución da edificabilidade a respecto da proposta inicialmente formulada polo Goberno Local conséguese sen derivar nin un só euro público para compensar aos propietarios.
“Grazas ao BNG, o Leira Park que presentou Inés Rey vai ser un parque de verdade para o barrio da Agra. E alén diso, vai haber un 40% de vivenda pública”, destaca a candidata nacionalista á Alcaldía, Avia Veira.
O BNG vai acompañar este apoio á modificación puntual do PXOM -que irá ao Pleno do vindeiro xoves 14 de maio- coa esixencia ao Goberno Local de que impulse un plan específico para lidar cos problemas do barrio, desde a limpeza viaria ao transporte público pasando pola accesibilidade.