PREGUNTA ORAL DE AVIA VEIRA PARA O PLENO DO 10M

A licitación conxunta das escolas infantís pode acabar coa adxudicación a unha empresa multiservizos sen conexión cos barrios

20200617_113830
Encontro en xuño de 2020 con directoras das escolas infantís
A licitación conxunta do contrato das Escolas Infantís Municipais Caracola, Luís Seoane, Monte Alto, Agra, A Carricanta e Os Cativos pode acabar coa adxudicación a unha empresa multiservizos que non teña nin conexión cos barrios nin co tecido asociativo da cidade, advirte a concelleira do BNG Avia Veira.
A licitación conxunta das escolas infantís pode acabar coa adxudicación a unha empresa multiservizos sen conexión cos barrios

Veira leva este asunto ao Pleno do próximo xoves por medio dunha pregunta oral ao Executivo coruñés. “Queremos coñecer que proxecto ten o Goberno Local para as escolas infantís municipais”, indica.

“Desde o BNG estamos preocupadas perante a hipótese de as escolas infantís municipais poderen acabar en mans dunha empresa multiservizos desas que fan ofertas económicas complicadas de mellorar, desas que tanto levan a seguridade dunha instalación como xestionan unhas bibliotecas municipais”, afirma a edil nacionalista. Esas empresas multiservizos, alerta, “simplemente se limitan a contratar persoal, mais non atenden de maneira especializada os servizos”.

Destarte, as escolas infantís municipais poderían vir a perder a súa “imbricación” nos barrios e a súa conexión co “tecido asociativo”. “En función de como se redacten os pregos, mesmo perigarían os proxectos que até o de agora se desenvolvían nestas escolas infantís e a súa contextualización coa súa contorna”, engade.

“Desde o BNG estamos preocupadas perante a hipótese de as escolas infantís municipais poderen acabar en mans dunha empresa non especializada no sector"

O Goberno Local tomou a decisión de optar pola licitación conxunta destas escolas infantís despois de dous anos en que estivo “mareando” as concesionarias. Estas terían atravesado situacións económicas moi “comprometidas”, por falta dun financiamento suficiente, sen que o Executivo presidido por Inés Rey tivese a súa suficiente solidariedade e empatía con elas.

O BNG xa advertira en 2020, cando se debateu o regulamento das escolas infantís municipais, que estes centros de ensino non estaban correctamente financiados, o que abocaba o seu persoal a sufriren condicións laborais precarias.

“Sempre valoramos o proxecto de escolas infantís municipais e a súa inserción na vida dos barrios e co tecido veciñal. Mais dixémolo en 2020, e dicímolo agora en 2022 en que se demostra que tiñamos razón, que era preciso sentármonos para falar do financiamento destes centros”, salienta Veira.

O Goberno Local xa asumiría neste momento a necesidade de “facer unha valoración económica real da xestión das escolas infantís municipais e a súa adaptación ás necesidades cambiantes da sociedade”. “Ou sexa, xusto o que lle pedían as direccións das escolas infantís municipais en 2022 e o que lle pedíamos nós”, conclúe a concelleira nacionalista.

 

A licitación conxunta das escolas infantís pode acabar coa adxudicación a unha empresa multiservizos sen conexión cos barrios