Ausentámonos da Xunta de Goberno Local en protesta pola falta de formalidade do Executivo de Inés Rey
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, abandonou a reunión da Xunta de Goberno Local Urxente e Extraordinaria en protesta pola falta de formalidade do Executivo de Inés Rey.
A Xunta de Goberno Local foi convocada con apenas 7 minutos de adianto sobre a hora da súa realización: comezaba ás 12 horas e a convocatoria chegou formalmente ao grupo municipal do BNG, vía correo electrónico, ás 11.53 minutos.
Tratábase dunha Xunta de Goberno Local Urxente e Extraordinaria para tramitar o proxecto de orzamentos do Concello que supostamente irá a Pleno esta semana (ese Pleno extraordinario tampouco foi convocado aínda).
Jorquera decidiu abandonar a reunión ás 12.20 horas, despois de agardar durante 20 minutos que aparecese no Salón Dourado do Pazo de María Pita algún membro do Goberno Local pertencente ao grupo municipal socialista. Do Executivo presidido por Inés Rey só estaba presente Mónica Martínez, a ex concelleira de Cs.
“Non nos parece presentábel esta forma de proceder. As formas son fondo en política”, afirma Francisco Jorquera, quen na súa conta twitter anotou: “Orzamentos, tarde, mal e arrastro”.