AS PREGUNTAS ORAIS DO BNG NO PLENO
Sobre o anteproxecto da Área Metropolitana, Lage admite que "os prazos cos que contabamos non se están a cumprir"
“Pasou setembro. Pasou outubro. Estamos a 4 de novembro e nin se presentou o anteproxecto”, dixo esta tarde no Pleno o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, quen lle dirixiu unha pregunta oral ao Goberno coruñés a ese respecto.
“Teño que recoñecerlle, señor Jorquera, que non sempre se cumpren os prazos e que nós non somos perfectos. Non fomos tan rápidos como gostaríamos”, respondeu o voceiro do Goberno Local, José Manuel Lage.
Lage deixo entrever que o Goberno Local antepón a calidade do documento final a que este se faga en menos tempo. “Os prazos cos que contabamos non se están cumprindo. O importante é sermos capaces de formular unha proposta de Área Metropolitana. Desde logo haberá tempo e espazo para o BNG, e tamén o PP, faceren as súas achegas”, engadiu.
O voceiro do Goberno Local mostrou a súa convicción –“aínda que vostede sexa escéptico”, díxolle a Jorquera- de que “será neste mandato cando seremos capaces de pór sobre a mesa un proxecto co que vostedes tamén se poderán sentir identificados”.
En realidade, o incumprimento dos prazos é unha constante do Goberno Local nesta materia, remarcou Jorquera na súa intervención perante o Pleno. Lembrou nese sentido que o Pleno do Concello puxo en marcha o procedemento para a constitución da Área Metropolitana en outubro de 2019. Nese momento ficaba establecida como tarefa principal a encomenda a unha comisión especial da elaboración dun anteproxecto.
20 meses despois, e ante a constatación de que non se dera ningún paso nesa dirección, o BNG levou unha moción ao Pleno para o acordo de outubro se pór en marcha. Foi aprobada, pero as cousas non mudaron e a inacción continuou a ser a nota dominante.
Finalmente, como é coñecido, en agosto deste ano Goberno Local e Marea Atlántica anunciaban o seu acordo, sen que iso se traducise tampouco en ningún resultado concreto, o que moveu o BNG a formular esta pregunta oral.
Tampouco abonda coa elaboración do anteproxecto. Fai falta tamén dialogar cos concellos da comarca, diálogo que a xuízo do BNG brilla pola súa ausencia, como se está a demostrar tamén coa situación creada arredor de Nostián, con alcaldes do Consorcio das Mariñas a advertiren da hipótese de lle entregar o lixo a Sogama se continuar a demora e non se resolveren os problemas da planta.
Sobre o porto: o Goberno Local non contempla cesións gratuítas
Obter do Goberno Local unha avaliación sobre como ve a cesión gratuíta de espazos portuarios noutras cidades aos seus concellos foi o asunto que centrou a segunda das preguntas orais feitas polo BNG neste Pleno.
“Valoramos positivamente os procesos de desafectación de espazos portuarios que se dan en portos de interese xeral”, dixo como resposta o concelleiro delegado de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, para quen no caso da Coruña concorre unha circunstancia diferencial, a do investimento feito para a construción de Punta Langosteira e a conseguinte débeda contraída polo porto.
Jorquera salientou a ese respecto que a construción da dársena exterior fora decidido polo Goberno central, polo que carecía de sentido que se acabase convertendo nun lastre para porto e para cidade.
Mais na súa resposta, Villoslada, quen deu a entender que a condonación non estaba no horizonte, puxo a énfase en “tirar a Autoridade Portuaria da UCI” na que se acharía por culpa da débeda, argumento que implicitamente dotaría de lexitimidade a inxección de recursos do Concello na compra dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo.
A construción da dársena exterior foi decidido polo Goberno central, polo que carece de sentido que se acabase convertendo nun lastre para porto e para cidade
Esa argumentación é tanto como tirar a toalla e dar por boa a discriminación da Coruña a respecto do porto de València. “Por que A Coruña ten que asumir o pagamento, pola porta de atrás, da débeda xerada pola construción do porto exterior? Por que o que foi posíbel en València non é realista para A Coruña?”, preguntou Jorquera sen achar resposta.
O voceiro nacionalista denunciou tamén que en València e Pasaia se produciron cesións de espazos portuarios aos concellos respectivos de xeito gratuíto e que unha operación deste teor está en estudo en Almeria. En contraste, o Goberno Local prepara 15 millóns de euros para Batería e Calvo Sotelo, deplorou Jorquera.
Solución consensuada coa veciñanza de Elviña afectada polo Ofimático
Interpelado a este respecto por Jorquera, Díaz Villoslada revelou que, despois de meses sen ningunha reunión, a pasada semana, o 27 de outubro, o Goberno Local mantivera unha xuntanza coas veciñas e veciños atinxidos polo polígono do Ofimático.
A solución sobre a mesa, unha modificación parcial do PXOM “co gallo da adaptación” do ámbito de Elviña aos proxectos de execución previstos por Demarcación de Estradas para a reforma da Avenida de Alfonso Molina.
A teoría oficial do Goberno Local é que a solución pola que aposta foi rexeitada en outubro-novembro de 2020 pola veciñanza. “As persoas afectadas negan que fose así”, di Jorquera, polo que demandou ao concelleiro que “dialogue e negocie”. “Niso consiste buscar unha solución consensuada con persoas que se viron convertidas á forza en promotoras e obrigadas a pagar cotas de urbanización inasumíbeis, cando o seu único desexo era continuar a vivir nas súas casas”, remarcou.