O PLENO APROBA AS NOSAS INICIATIVAS SOBRE AS COÑECIDAS COMO AS CASAS DE FRANCO E O 25N
PSOE e PP unen os seus votos para rexeitar a moción do BNG de retirada de honras ao alcalde franquista Peñamaría de Llano
O grupo municipal do PSOE formulara unha emenda de substitución á moción do BNG. Mais desnaturalizaba o seu contido, ao suprimir toda alusión directa a Peñamaría de Llano, polo que o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, optou por no aceptala.
Como prescribe o regulamento do Concello, a emenda foi votada antes que a propia moción e acabou por ser rexeitada, cos votos en contra do PP. Con posterioridade, someteuse a votación o texto do BNG e decaeu ao contar co rexeitamento non só do PP, senón tamén do PSOE. Cumpre destacar que o PSOE podería ter optado pola abstención e a moción tería sido rexeitada nas mesmas. A iniciativa si tivo o apoio de Marea Atlántica e da concelleira non adscrita.
Quen era Sergio Peñamaría de Llano? Pois, como mostrou na súa intervención Francisco Jorquera, non só foi un connotado fascista, senón que, na súa calidade de xefe militar da Lexión, tamén se caracterizou pola saña coa que exerceu a represión contra as persoas que se mantiveron leais á II República.
De feito, participou de forma activa en campañas de terror xenocida contra a poboación civil, nomeadamente na zona do Bardo de Valdeorras. Segundo testemuñas de veciñas e investigacións de historiadores recoñecidos, mesmo chegou a intervir en execucións extraxudiciais, mesmo dando o tiro de graza a algunhas vítimas.
Fixo parte tamén de consellos de guerra en que se condenou a morte militantes do PCE. Xa como alcalde, participou na operación fraudulenta que resultou na usurpación da Casa Cornide por parte do ditador Franco.
Alén do máis, a iniciativa do BNG chegaba após o Pleno do Concello do Barco de Valdeorras terlle pedido –e por unanimidade, isto é, co apoio do PP- ao Concello da Coruña que retire o nome de Peñamaría de Llano a unha rúa do Ventorrillo e que esta vía pública pase a asumir a denominación de Mártires de Valdeorras.
“Unha sociedade democrática non pode ter como fillos predilectos significados franquistas nin pode manter as rúas de alcaldes da ditadura. E moito menos se, ademais, teñen as mans manchadas de sangue”, dixo Jorquera na súa intervención perante o Pleno.
A emenda do PSOE
A emenda formulada polo PSOE eliminaba calquera referencia a Peñamaría de Llano na súa parte resolutiva e limitábase a propor que a “posíbel retirada de honras e distincións” se fixese “a través dun estudo rigoroso e serio”, como se non existise suficiente proba documental dos crimes en que estivo implicado o devandito alcalde franquista.
Asemade, a emenda instaba o Goberno Local a convocar, á maior brevidade posíbel, o Consello Municipal da Memoria Democrática.
“Estamos fartos de manobras dilatorias. Hai que lembrar que este Consello non se reúne dese novembro de 2019. Esas mesmas manobras dilatorias son as que explican por que o Goberno Local aínda non ten presentado a demanda para conseguir a recuperación da Casa Cornide”, denunciou Jorquera.
De resto, o Pleno do Concello si aprobou, e por unanimidade, as mocións defendidas por Jorquera para a rehabilitación das coñecidas como Casas de Franco e para o impulso, en colaboración coa UDC e con centros de ensino, dunha campaña informativa contra a violencia machista, tendo como especial destinatario as xeracións máis mozas.