O Goberno municipal reduce o aforro do Concello nun 75% mentres incrementa a débeda

O Goberno municipal reduce o aforro do Concello nun 75% mentres incrementa a débeda

A Coruña, 10 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG alerta de que, fronte ao sinalado polo Goberno do Sr. Negreira, moi dado a terxiversar e maquillar cifras, a liquidación do orzamento do 2012 evidencia a nefasta xestión dos cartos dos e das coruñesas por parte do Partido Popular. Os datos da liquidación reflicten o deterioramento acentuado da situación financeira do Concello nestes anos de Goberno do Sr. Negreira.

Este intenso deterioro débese, sinalan as nacionalistas, ao incremento da débeda viva e, sobre todo, do brutal descenso do aforro neto, que se reduce nun 75% respecto do 2011. Isto evidencia que non hai recursos municipais para financiar os gastos ordinarios. De aí que o Concello se vexa obrigado acudir a operacións de crédito e a aumentar a súa débeda.

O Grupo Municipal do BNG advirte de que a débeda real é moito maior que os 75,73 millóns reflectidos nas contas. E é que non se contabiliza a devolución de fondos correspondentes á participación nos ingresos do Estado dos anos 2008 e 2009 que, de contabilizarse, suporía unha débeda moi superior ao que reflicte a liquidación.

Nunca na historia, o Concello tivo maior volume de obrigas pendentes de pago e de cobro

As nacionalistas cualifican de “manifestamente falso” o argumento do Goberno do Sr. Negreira relativo a que o incremento da débeda se debe ao pago a provedores (por obrigas pendentes de pago doutros exercicios). De acordo co informe de intervención, a 31.12.2012 había 7.612.875,68 euros de facturas no caixón pendentes de aplicar a orzamento (máis outros 211.238,62 € do IMCE)

Do mesmo xeito, as obrigas pendentes de pago a 31.12.2012 eran de 29,94 millóns de euros, saldo superior ao do 2011. Así é que o Grupo Municipal do BNG alerta de que nunca na historia, o Concello tivo maior volume de obrigas pendentes de pago e de cobro, feito que evidencia o fracaso do Partido Popular manexando os cartos do pobo.

 

O Goberno municipal reduce o aforro do Concello nun 75% mentres incrementa a débeda