O BNG chama a participar na concentración da CIG polos ataques do PP a moz@s e clase traballador@s
A Coruña, 10 de abril de 2013.- O BNG da comarca da Coruña chama a cidadanía a participar na concentración convocada pola CIG para mañá, xoves, ás 20h, na Subdelegación do Goberno, contra as políticas do Partido Popular que atentan contra a clase traballadora e contra a mocidade.
As nacionalistas advirten de que no último mes o Partido Popular implantou tres reformas que causarán máis pobreza e máis discriminación entre a clase traballadora e a mocidade: o decreto para a contratación das mozas por menos de 500 euros e sen dereito ao subsidio de desemprego, a autorización das mutuas para dar altas de enfermidade e a reforma das pensións anticipadas, voluntarias ou forzosas, un golpe ao dereito de subsidio para maiores de 55 anos.
Contratación de menores de 30 anos por menos de 500 euros
O BNG da comarca da Coruña amosa o seu total rexeitamento ao decreto para a contratación da mocidade, que autorizará as empresas, con importantes axudas, a contratar menores de 30 anos con salarios inferiores a 500 euros e, en moitos casos, sen dereito á prestación por desemprego; que permitirá facer estes contratos despedindo anteriormente outros traballadores por calquera causa e mesmo substituíndo un traballador antigo e maior por varias mozas, precarias e baratas e permitirá tamén que as ETT poidan facer estes contratos baratos e pagar con diñeiro público empresas privadas para que xestionen estes contratos en substitución do INEM.
As mutuas darán alta de enfermidade
Tamén rexeita o BNG o borrador de decreto que permite que as mutuas dean altas por enfermidade, o que supón un risco tremendo para a saúde e unha maior indefensión ante un despido por non estar en condicións de traballar.
Reforma de pensións anticipadas, voluntarias ou forzosas e golpe ao dereito de subsidio para maiores de 55 anos
Ademais, o BNG da comarca da Coruña oponse á reforma de pensións anticipadas. E é que o PP aumenta a idade para xubilizacións anticipadas e penaliza os coeficientes de xeito que o desconto na pensión é moito maior. As persoas afectadas por ERE de extinción ou peche serán as grandes prexudicadas, así como as persoas con oficios máis duros.