PREGUNTA ORAL PARA O PLENO ORDINARIO DE MAIO
Sobre o Festival Noroeste, Queixas bota man da ironía para lle preguntar ao Goberno Local: "Sabe que faltan tres meses para agosto?"
“Sabe o Goberno Local que faltan tres meses para agosto?”. Este é o teor exacto da pregunta oral que a nosa concelleira Mercedes Queixas lle vai dirixir ao Goberno de Inés Rey no próximo pleno ordinario do mes de maio.
Aínda sen o citar, a pregunta pon no foco Festival Noroeste, auténtico emblema cultural da cidade. E pono porque a día de hoxe, a pouco máis de tres meses de comezaren as festas da cidade, nada se sabe sobre a programación deste evento musical.
“O que estamos a ver é que as coruñesas e os coruñeses coñecemos a programación de diferentes musicais de promoción privada ou con colaboración económica do Concello, mais non saben nada, porque o Goberno Local non dá información, sobre o Noroeste”, relata Queixas.
Nin rastro de noticias sobre o Noroeste 2026, máis alá dun feito obxectivo: o Goberno Local non está a cumprir a moción aprobada polo Pleno en setembro de 2025.
Nesa moción, da autoría do BNG, instábase o Goberno Local a convocar unha praza de dirección artística para o Noroeste 2026 e a planificar canto antes o evento para evitar que se reproducisen os problemas detectados en 2025. “Un festival como o Noroeste precisa de tempo para garantir unha boa organización, comprometer artistas, difundir a programación e atraer novos públicos”, remarca Queixas.
A concelleira nacionalista lamenta que o Goberno Local non poña todo da súa parte para potenciar o “único festival gratuíto e accesíbel para todas as coruñesas e coruñeses”. Un evento que virou emblema da cidade por ter impulsado historicamente a música de calidade “e por abrirlle as portas a novos talentos”.
No canto de coidar o Noroeste, o Goberno de Inés Rey parece prisioneiro da filosofía expresada polo concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, cando afirmou, no verán de 2025, que quen quixese gozar de “grupos de nivel” tiña que pasar pola billeteira.
“Temos un Goberno Local que incumpre os acordos do Pleno e que está lonxe de sustentar unha política cultural entendida como o dereito de todas e de todos a gozar das creacións artísticas”, conclúe Queixas.