As contas que o Goberno municipal tenta maquillar reflicten o deterioro económico do Concello
A Coruña, 4 de setembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lembra en relación á Conta Xeral 2012 que vai ir ao pleno do vindeiro luns que as contas que o Goberno tenta maquillar reflicten o deterioro da situación económica do Concello da Coruña. Así as nacionalistas aluden aos datos publicados polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas sobre a débeda das entidades locais a 31 de decembro de 2012, que reflicte que A Coruña, nunca na historia, tivo maior volume de obrigas pendentes de pago e de cobro. Así, advirten de que hai 79,5 millóns de débeda e de que os ingresos se reduciron nun 75% respecto do 2011, segundo os datos da liquidación do orzamento de 2012. Isto, engaden, evidencia que non hai recursos municipais para financiar os gastos ordinarios. De aí que o Goberno municipal acudira a 23 operacións de empréstito o pasado ano, unhas operacións que endebedan, aínda máis, as arcas do Concello.
Porén, a débeda real é moito maior que os 79,5 millóns reflectidos nas contas de Facenda, xa que non se contabiliza a devolución de fondos correspondentes á participación nos ingresos do Estado dos anos 2008 e 2009 que, de contabilizarse, suporía unha débeda moi superior.
A suba de impostos, un roubo á carteira dos veciños e veciñas
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG lembra a suba de impostos que o Goberno do Sr. Negreira nega, principalmente, o encarecemento dun servizo tan esencial como é o da auga. O furor mercantilista do Partido Popular provoca que a cidadanía pague máis polo recibo da auga, polo Imposto de Bens Inmobles (IBI), polo uso de instalacións deportivas e culturais e mesmo polos servizos relacionados cos animais.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o PP encareceu a vida desde que goberna na cidade da Coruña. Ao aumento de impostos súmaselle o encarecemento do billete do bus urbano. O Sr. Negreira, denuncia o BNG, preside o Goberno que máis encareceu as tarifas deste medio de transporte.