O Goberno municipal volve negarlle á oposición un espazo para se reunir co Comité de Albada
A Coruña, 4 de setembro de 2013.- O Goberno municipal vén de lles impedir ás forzas políticas contar cun local do Pazo de María Pita para se reuniren co Comité de Empresa de Albada mañá, día 5 de setembro, ás nove e media. As nacionalistas presentaban esta mañá por rexistro un escrito en que lle solicitaban á Alcaldía un espazo en que manter a xuntanza cos traballadores da planta de Nostián e co PSOE e EU-Os Verdes. Porén, recibiron unha comunicación indicando que a reunión só se pode realizar dentro dos propios locais dos grupos municipais (comunícolle que os grupos municipais dispoñen de locais propios dentro do Pazo municipal para o desenvolvemento das súas actividades e manter neles as reunións que consideren oportunas), impedindo deste xeito o uso de locais comúns a todas as forzas políticas no propio Pazo de María Pita, tal e como está previsto legalmente.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira ten unha concepción moi patrimonialista e excluínte das cousas públicas e do ben común despois de certificarse que non lle cede aos grupos da oposición un espazo en que reunirse co Comité de Empresa de Albada, a pesar de que esta decisión sectaria non se ampara nin no Regulamento Orgánico Municipal nin en ningunha ordenanza. As nacionalistas reiteran que o Goberno do Sr. Negreira considera que as dependencias municipais son unicamente súas, un coto privado para uso e disfrute dos seus.
Con esta decisión, o Goberno municipal non só se equivoca, amosándose tal e como é, caprichoso e excluínte no uso dos bens que son de todos, senón que, ademais, actúa ilegalmente e con posíbel vulneración dos dereitos fundamentais dos concelleiros e concelleiras da oposición. O Grupo Municipal do BNG lémbralle ao Goberno local que o conxunto de edís da Corporación, na súa condición de concelleiros e concelleiras, poden facer uso das instalacións para o exercicio das súas funcións correctamente. A postura de Alcaldía viola os dereitos dos membros da Corporación como concelleiros e impide o desenvolvemento do seu labor, alén de pór de relevo que o Partido Popular confunde todo e pensa que a casa consistorial é só do Goberno.