MERCEDES QUEIXAS LEVARÁ O ASUNTO AO PARLAMENTO GALEGO
Case 300 crianzas fican sen praza nas tres Galiña Azul da Xunta na Coruña
Case 300 crianzas -en concreto, 294- fican sen praza para o próximo curso nas tres escolas infantís “A Galiña Azul”, dependentes da Xunta, na nosa cidade, de acordo coa adxudicación provisional.
“Vólvese repetir a historia. E a responsabilidade evidentemente é dun Goberno Rueda que se nega teimudamente a aumentar a oferta de prazas nas escolas infantís públicas e que, en troca, aposta por financiar prazas nas escolas privadas”, denuncia a concelleira e deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas.
Na Galiña Azul de Monte Alto fican sen prazas 57 crianzas, na de Parque de Eirís, 119, na da Sardiñeira, 118. Total: 294.
“Esta aposta privatizadora do Goberno galego do PP contrasta claramente coas demandas dunha sociedade coruñesa que si acredita na educación como un servizo público”, remarca Queixas.
Boa proba do “interese privatizador” do Goberno Rueda atopámolo no feito de “ter renunciado a fondos da UE por valor de 22 millóns de euros que, no conxunto da Galiza, poderían ter financiado 3.000 novas prazas nas escolas infantís públicas”.
As políticas privatizadoras danse a man coa precarización das condicións laborais das traballadoras das escolas infantís públicas, que estes días, onte mesmo na Coruña, están a protagonizar mobilizacións.
“Elas poñen de relevo todos os problemas cos que lida o ensino público: ratios profesorado/crianzas elevadísimas, falta de profesionais de apoio, numerosas deficiencias estruturais dos edificios que esixen de reformas integrais que a Xunta sistematicamente nega”, enfatiza Queixas.
A deputada nacionalista anuncia que vai volver a levar o asunto ao Parlamento galego, “instando o Goberno de Rueda a que rectifique porque para nós, e para a inmensa maioría das coruñesas e coruñeses, o ensino público é un dereito irrenunciábel”.