MOBILIDADE
Para cando estará sinalizado o carril compartido da rolda de Outeiro?
Solicitamos aclaracións ao Goberno municipal a respecto da seguridade viaria no novo ciclocarril da rolda de Outeiro
Presentamos unha iniciativa para a súa resposta por escrito sobre a falta de sinais indicativos de tráfico no novo viario compartido e tamén pola anchura do carrilbici do outro sentido da circulación
Rexistramos unha batería de preguntas para a súa resposta por escrito para o vindeiro pleno ordinario de outubro (que podes descargar premendo aquí) nas que solicitamos aclaracións ao Goberno municipal a respecto da seguridade viaria no novo carril ciclábel da rolda de Outeiro.
Na nosa iniciativa salientamos que pasadas máis de 14 semanas desde o anuncio do inicio da obra, o carril compartido desde a rúa da Mercé até Pérez Ardá, isto é o novo ciclocarril, non ten nin sinalización vertical nin horizontal que informe nin ás persoas automobilistas nin ás persoas ciclistas de que tal carril é ciclábel.
Lembramos que en sentido rúa da Mercé até a rúa Pérez Ardá se anunciou que a opción sería non facer un carril segregado, como o si realizado no sentido contrario, e optouse por un carril compartido de vehículos a motor e bicicletas, é dicir, un ciclocarril, e que ten limitada a súa velocidade a 30 quilómetros por hora.
Porén, este viario compartido, carece de sinalización algunha, polo que preguntamos o motivo, xa que logo se a obra xa está rematada e entregada, cremos máis que necesario que o Goberno Local reclame a empresa que realizou a obra que realice a sinalización o antes posíbel; e se non está finalizada e entregada, que se explique o motivo da tardanza cando xa supostamente está en funcionamento. É urxente que se doten todas as medidas de seguridade viarias para este espazo compartido.
Do mesmo xeito, a iniciativa tamén se interesa polo carrilbici habilitado no sentido contrario, isto é, desde a rúa Pérez Ardá até a rúa Mercé, preguntando á Área de Mobilidade Sostíbel se se fixeron cálculos da distancia que debía haber entre as prazas de aparcamento e o carril bici co obxecto de evitar accidentes coas aperturas das portas dos automóbiles, dada a posibilidade de invadir o propio carrilbici e se considera suficiente a anchura do mesmo tendo en conta o notable aumento de vehículos de mobilidade persoal.
Por último tamén queremos que se aclare por que non se coordinaron mellor ambos procesos: o de remodelación do pavimento e o de sinalización.
A Coruña, 22 de setembro de 2018.