MOBILIDADE

A Semana da Mobilidade non serviu para poñer en práctica políticas de mobilidade revolucionarias

Consideramos que o Goberno Local estase a rir da xente coa súa inacción en materia de mobilidade e a mostra é a programación da Semana Europea da Mobilidade

Tivo moi pouca graza –en alusión aos monólogos nos buses e á carreira entre concelleiras/os– que nestes tres anos a Marea Atlántica teña incumprido practicamente a totalidade das súas promesas en materia de mobilidade e de transporte público

Estamos sorprendidas de que nas actividades da Semana Europea da Mobilidade se teña vehículos de mobilidade persoal para os cales non está adaptadas as vías da nosa cidade nin a ordenanza de circulación, da que exiximosn unha renovación inmediata

Cómpre reordenar a cidade situando no cumio ao peón (a pé ou en cadeira con rodas), as bicis e o transporte público e, por último, o coche particular e que para iso ten levado a pleno até tres mocións con nula reacción por parte do Executivo local

A Semana da Mobilidade non serviu para poñer en práctica políticas de mobilidade revolucionarias

Convocamos rolda de prensa para avaliar a Semana Europea da Mobilidade.

Na comparecencia, a nosa concelleira nacionalista Avia Veira fixo un repaso da programación da Semana Europea da Mobilidade e das promesas electorais da Marea Atlántica nesta materia (podes ver a rolda nesta mesma páxina no enlace a YouTube).

O primeiro punto dese programa prometía a reordenación mapa de rutas de autobús urbano, priorizacion do paso mediante plataforma reservada en vías principais e mellora na accesibilidade en paradas, nin paradas intercambiador urbano/interurbano en San Diego, Avenida Alfonso Molina e Ronda de Outeiro. É un feito obxectivo que as liñas de bus están como estaban co PP en 2015 malia os múltiples anuncios do Goberno Local de que se ía facer e que o carril bus non se implantou en ningunha vía, por non falar da accesibilidade das paradas nas que moitas veces non hai nin control de aparcamento e polo tanto o bus non se pode nin achegar á beirarrúa.

Así, coa programación da Semana Europea da Mobilidade o Goberno Local estivose a rir da xente e das súas necesidades de mobilidade e a proba está na carreira que fixeron concelleiros e concelleiras da Marea Atlántica polo cal o medio de transporte máis rápido resultou ser a bici, logo a mobilidade en coche, a mobilidade peonil e por último o autobús: unha carreira que demostra a falta de políticas de mobilidade universal e accesíbel para todas as persoas independentemente da súa condición.

Consideramos que canto á fiscalización da concesión da Compañía de Tranvías e á revisión de tarifas o certo é que se aprobou a caducidade desta concesión mais sen unha idea do que se quere facer co transporte público urbano da nosa cidade e recordamos que no último pleno ordinario, o concelleiro de Mobilidade sinalou, en resposta á pregunta do BNG sobre o futuro da concesión do transporte urbano que vai rematar en novembro deste ano, que se modificaría o convenio para a xestión do transporte urbano colectivo de 1986. Neste caso, é tamén un feito obxectivo que até o de agora non se teñen tocado os prezos do autobús nin no relativo á tarifa plana anticipada nin no relativo a tarifas para familias numerosas.

No que ten a ver coa posta en marcha e sinalización de roteiros prioritarios para peón e bicicleta facendo uso de carril-bici en vías principais e por calzada en vías zonas 30 ou 20km/h e o remate prioritario da conexión cidade-Universidade, o certo é que o único que ten posto en marcha o Goberno local son algúns tramos de carril-bici executados sen coherencia mais non ten un deseño global da mobilidade ciclista na cidade.

É tamén obvio que non se ten deseñado nin implantado unha rede eficiente de aparcadoiros disuasorios públicos e gratuítos conectados co transporte público urbano/interurbano consensuados con concellos da área metropolitana, tal e como rezaban as 99 medidas para un 99%.

Lembramos que a Marea Atlántica sinalaba, no seu programa electoral, a promesa de remunicipalizar a ORA, que non só non tivo lugar senón que a sucesión de empresas provocou o despedimento de parte do persoal.

Ten moi pouca graza –en alusión aos monólogos nos buses e á carreira entre concelleiras/os– que nestes tres anos a Marea Atlántica teña incumprido practicamente a totalidade das súas promesas en materia de mobilidade e de transporte público.

Sorpréndenos que nas actividades da Semana Europea da Mobilidade se teña promocionado medios de transporte individuais (bici, patíns etc.) para os cales non está adaptadas as vías da nosa cidade nin a ordenanza de circulación, da que exixen unha renovación inmediata.

No pleno de xullo, foi a última vez que se aprobou en pleno a necesidade de mudar a ordenanza de circulación a través dunha moción proposta pola Asociación Crunia e o Goberno local aínda non moveu un papel. Hai xa cidades no noso país que están traballando na redacción de ordenanzas de mobilidade como por exemplo o Concello de Pontevedra pretenden regular entre outras cousas os vehículos de mobilidade persoal.  Porén, o Sr. Díaz Grandío está máis pendente dos que está a facer Madrid, Valencia e Barcelona, segundo o que el mesmo ten manifestado en declaracións á prensa.

Para concluír, cremos que na Coruña ten que deixar de imperar a “lei do máis forte” pola cal o peón ten as de perder fronte ao resto dos medios de transporte. Así que cómpre reordenar a cidade situando no cumio ao peón (a pé ou en cadeira con rodas), as bicis e o transporte público e, por último, o coche particular e que para iso ten levado a pleno até tres mocións con nula reacción por parte do Executivo local.

A Coruña, 21 de setembro de 2018.

A Semana da Mobilidade non serviu para poñer en práctica políticas de mobilidade revolucionarias