ACTO DE PRESENTACIÓN PÚBLICA DE AVIA VEIRA COMO CANDIDATA
"Esta candidatura nace para as coruñesas e os coruñeses. Quero ser a alcaldesa da Coruña porque podemos ter unha cidade mellor"
A Coruña necesita un cambio, despois de 8 anos de Goberno Local do PSOE, un goberno ao que Avia Veira ve “esgotado”, “sen ideas e desconectado da realidade das coruñesas e coruñeses”. “A Coruña precisa unha alcaldesa próxima, de despacho aberto, presente en cada barrio”, remarcou.
“No BNG queremos gobernar A Coruña”, enfatizou a candidata nacionalista, quen en absoluto ve o PP como alternativa desexábel para a cidade: “O PP representa o pasado. E cando gobernou a cidade, alén de enterrar 10 millóns de euros na Mariña mentres pasaba dos barrios, suprimiu a Festa do Libro e o carril bus, quitou os servizos sociais dos centros cívicos, tirou as casas de veciños de Elviña e púxose de perfil cando na Coruña había desafiuzamentos”.
Nestes termos pronunciouse Veira durante o acto da súa presentación pública como candidata do BNG á Alcaldía da Coruña, na Praza Indalecio Prieto, en Monte Alto, no barrio do que é veciña.
O acto foi presentado polo voceiro nacionalista no Concello, Francisco Jorquera, e Veira estivo acompañada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
A candidata do BNG ve o Goberno Local do PSOE “esgotado, sen ideas e desconectado da realidade das coruñesas e coruñeses”, mentres o PP “representa o pasado”
“É perfectamente posíbel termos unha Coruña mellor. Ter unha Coruña onde acceder a unha vivenda non sexa imposíbel. Ter unha Coruña cun mellor servizo de bus urbano. Unha Coruña máis limpa, máis sostíbel ambientalmente”, afirmou a candidata do BNG á Alcaldía.
É perfectamente posíbel tamén, engadiu, ter un Goberno Local “conectado coa realidade” e que traballe escoitando permanentemente as coruñesas e os coruñeses”.
“A Coruña precisa unha alcaldesa próxima, de despacho aberto, presente en cada barrio”
“Eu quero ser a alcaldesa que lidere un proxecto que é moi ilusionante, o de construírmos entre todas e todos unha Coruña mellor”, proclamou. “Un proxecto feito pensando na xente e non nos intereses duns poucos”, concluíu.
Ana Pontón
Por súa parte, a líder do BNG, Ana Pontón, ve en Avia Veira “a alcaldesa que necesita e que merece A Coruña”.
“Avia é unha muller feminista e unha muller de barrio, deste barrio de Monte Alto, cunha paixón, a de facer unha Coruña mellor. Unha muller que pensa as 24 horas na súa cidade e que ten propostas para enfrontar os problemas que máis lle preocupan ás coruñesas e aos coruñeses, desde a vivenda até a mobilidade”, engadiu.
Veira pensa A Coruña “en grande”, unha cidade intimamente relacionada coa súa contorna e co resto do País, como un dos motores económicos da Galiza.