MUDANZA NA PORTAVOCÍA DO GRUPO: VEIRA PASA A SER VOCEIRA E JORQUERA, VOCEIRO SUPLENTE
Avia Veira anuncia que o BNG non apoiará ningún asunto do Goberno Local mentres non presente unha solución para o burato económico
Así o anunciou, en conferencia de prensa, a candidata do BNG á Alcaldía, Avia Veira, quen estivo acompañada por Francisco Jorquera.
Foi precisamente Jorquera quen informou os medios da mudanza na portavocía do grupo municipal.
“As e os concelleiros do BNG vimos de comunicar aos efectos legalmente establecidos que Avia Veira pasa a asumir a portavocía do grupo municipal, en tanto que eu pasaría a ser o voceiro suplente”, indicou.
O grupo municipal fai isto por dúas razóns.
A primeira, a de que “consumado o ascenso do Dépor á Primeira División, o que eu podería aportar como portavoz do BNG xa está totalmente conseguido”, chanceou Jorquera. A segunda é que “sendo Avia Veira a nosa candidata á Alcaldía, o lóxico é que ela asuma a máxima representación do grupo municipal”.
Como non podía ser doutro xeito o ascenso do Dépor pairou sobre a conferencia de prensa -até impactou na vestimenta das e dos xornalistas-. Así, Jorquera afirmou: “Hoxe é un día de celebración de ascensos. O do Dépor. É o do claro ascenso que prognostican as sondaxes para o BNG”.
E interpelada por un xornalista no sentido de se pasaría a ser a capitana do grupo municipal ao asumir a portavocía, Avia Veira tamén respondeu en clave deportivista: “A ver se levamos o equipo a Europa. Polo menos, a Europa League”.
Balance do que levamos de mandato
Este xoves 28M fanse tres anos das eleccións de 2023, así que hoxe se impuña facer balance do que levamos de mandato.
“O que vimos durante todo este tempo é un Goberno Local desconectado da realidade, que se comporta como se tivese maioría absoluta, cando nin sequera a ten simple. Un Goberno Local acomodado, que non dialoga e que non traballa como equipo. Inés Rey non soubo conformar un equipo que traballase unido e cohesionado ao servizo da cidade”, dixo Veira.
É un Goberno Local “que falla no pequeno, no mediano e no grande”. No pequeno, a limpeza, o coidado das rúas, dos pasos de peóns, das beirarrúas. No mediano, cunha enorme cantidade de servizos públicos concesionados que se prestan en precario por non licitar os novos contratos.
Canto ao grande, o Goberno Local deixou caducar os maiores contratos do Concello -o transporte público urbano, o tratamento do lixo- sen os renovar e tamén “deixou caer o mundial”.
“Cando hai un ano fixemos o balance de xestión do Goberno Local, dicíamos que era un goberno que fallaba na xestión do día a día e que tentaba tapar eses fallos con anuncios de grandes eventos. Pois ben, agora tamén lle están fallando eses grandes eventos”, remarcou.
E falla no grande, na xestión económica do Concello, cun burato que Avia Veira cualifica como moi grave.
“Levamos meses denunciando que o resultado da liquidación do ano pasado revela unha xestión económica nefasta”, subliñou.
“O Interventor”, refire, “di que hai que tomar decisións e corrixir esta situación e ofrece varias solucións para saír dela”.
A quen lle toca, pois, mover ficha é o Goberno Local. “Estamos ante unha cuestión para nós prioritaria”, resalta a candidata do BNG á Alcaldía. É por iso o BNG empraza o Goberno de Inés Rey a que poña sobre a mesa unha solución para a grave situación do Concello.
E nese sentido, Veira anunciou que o Goberno Local non vai contar co apoio do BNG para a aprobación de ningún asunto plenario até que presente a súa fórmula para resolver a delicada situación económica do Concello.
“Somos unha forza responsábel. Queremos que se resolva este grave problema e que se faga, como di o Interventor, en 2026”, sinalou.
O que en ningún caso é unha opción para o BNG é adiar o asunto ao próximo mandato. “Non podemos deixar o marrón”, dixo graficamente, “para o Goberno Local que xurda das urnas de maio de 2027, un Goberno Local que nos propoñemos liderar”.
Un cambio a mellor
A cidadanía percibe un Goberno Local “esgotado e sen ideas”. “Así o ven as coruñesas e os coruñeses e así o vemos nós”.
Por tanto, A Coruña precisa un “cambio a mellor” e non “o regreso ao pasado que simboliza o PP”.
“Un cambio a mellor co selo da Coruña, o selo da valentía, a modernidade, a igualdade e o orgullo, notas coas que o BNG se identifica totalmente”, dixo Veira.
De aquí a maio de 2027, “imos encher a cidade de ilusión e esperanza para lograr ese cambio a mellor”, concluíu.