UNHA INICIATIVA DE DAVID SOTO PARA O #PLENOFEBREIRO

As políticas sociais do Concello teñen moita marxe de mellora

Nos últimos tempos estanse a agudizar determinados problemas sociais na cidade -dificultades no acceso a unha vivenda digna, con aumento das persoas sen fogar, familias necesitadas de escudo social, incremento das doenzas de saúde mental....-, sen que desde o Goberno local se estea a abordar ese fenómeno de forma satisfactoria.
As políticas sociais do Concello teñen moita marxe de mellora

“Sabemos que as competencias na materia son basicamente da Xunta, mais o Concello ten tamén capacidade de actuación e a nosa impresión é que o Goberno Local non está á altura das circunstancias”, afirma o concelleiro do BNG David Soto, quen vai levar o asunto ao Pleno deste xoves cunha pregunta oral co seguinte texto: “Fai o Goberno Local algunha valoración crítica sobre o seu desempeño en materia social?”.

Ao xuízo do BNG, si cabe facer esa valoración crítica. Para comezar, non entendemos por que razón se deixou de publicar a memoria anual dos servizos sociais, “que se viña editando desde había anos e que nos daba boa conta da situación social da cidade á hora de elaborar diagnósticos e planificar actuacións”, afirma Soto. 

Por que se deixou de publicar a memoria anual dos servizos sociais?

Para o concelleiro, hai dous aspectos básicos das políticas sociais que non están a ser atendidos de forma suficiente por parte do Executivo coruñés. “En primeiro termo, a dotación de medios persoais dos servizos sociais é claramente insuficiente. En segundo termo, é necesario reverter a centralización dos servizos pola que lamentabelmente apostou no seu día o Goberno de Carlos Negreira (PP), unha medida que ten resultado en peores prestacións para as persoas”, alega.

“Vemos con preocupación como os problemas sociais medran sen que medre a atención e o interese que o Goberno Local pon en contribuír a palialos, de aí que levemos o asunto ao Pleno”, conclúe o concelleiro.

 

As políticas sociais do Concello teñen moita marxe de mellora