O EXECUTIVO CORUÑÉS VAI MANTER O MODELO DE ORGANIZACIÓN DAS FESTAS PESE A TER SIDO AMPLAMENTE CRITICADO POLAS ASOCIACIÓNS VECIÑAIS

En resposta a unha pregunta do BNG, o Goberno Local anuncia que o tributo oficial a Ibrahima e Magatte será o 24F

Jorquera e Queixas con Magatte N'Diaye o día en que recibiu o premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade, dado por Alexandre Bóveda. 1 de febreiro de 2025
Jorquera e Queixas, con Magatte N'Diaye durante a homenaxe que lle rendeu a Asociación Cultural Alexandre Bóveda
En resposta a unha pregunta do BNG, o Goberno Local anuncia que o tributo oficial a Ibrahima e Magatte será o 24F

O merecido tributo a Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye -os mozos senegaleses que puxeron en risco a súa integridade para tentar salvar a vida de Samuel Luiz- será finalmente o vindeiro 24 de febreiro no Pazo de María Pita, anunciou no Pleno desta tarde o concelleiro de Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, en resposta a unha pregunta oral formulada pola nosa concelleira Mercedes Queixas.

Ese día Ibrahima e Magatte recibirán o título de fillos adoptivos da cidade. Darase por fin cumprimento a diversos pronunciamentos do Pleno da Corporación, feitos a instancias do BNG, o primeiro, en setembro de 2021 e o último, en novembro de 2024.

“Ibrahima e Magatte fixeron todo o que puideron por salvar Samuel Luiz sen se faceren preguntas, porque a súa actuación respondeu á súa educación e á súa ética. Fagamos nós agora o que cómpre: recoñecelos como fillos adoptivos, sabedores de que son parte para sempre do corazón que fai ser A Coruña unha cidade mellor”, afirmou Mercedes Queixas na súa intervención.

Na sesión de control ao Goberno Local, o BNG, a medio de preguntas  formuladas polo concelleiro David Soto, interesouse tamén polas políticas sociais do Concello e polo rol que lle outorga o Executivo coruñés ás asociacións veciñais en relación á organización das festas populares dos barrios.

Ibrahima e Magatte fixeron todo o que puideron por salvar Samuel Luiz sen se faceren preguntas, porque a súa actuación respondeu á súa educación e á súa ética.

En relación ao primeiro asunto, a concelleira de Benestar Social, Nereida Canosa, non foi quen de explicar por que o Goberno Local deixou de publicar a memoria anual dos servizos sociais, unha ferramenta que permitía a realización de diagnósticos e planificación de actuacións para mellorar a situación das persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.

Tampouco se comprometeu a descentralizar os servizos sociais do Concello, isto é, a reverter a lamentábel recentralización destes decretada no seu día por un goberno municipal do PP, o de Carlos Negreira (2011-2015), unha medida que claramente resultou nunha perda de calidade das prestacións que ofrece o Concello.

Canto á organización das festas populares dos barrios, o concelleiro de Promoción da Cidade negou a evidencia, a de que o novo modelo ten sido amplamente contestado polas asociacións veciñais.

Captura de pantalla 2025-02-06 161744
Queixas, durante a sesión plenaria

“O novo modelo aumenta a carga administrativa sobre unhas asociacións en que o traballo é voluntario e non está remunerado”, alegou David Soto. A crítica das asociacións veciñais é de tal calibre que algunhas delas xa teñen anunciado que renuncian a organizar as festas.

Soto criticou que o Executivo coruñés vaia impor a nova organización das festas sen a ter previamente dialogado co tecido veciñal. A xulgar pola resposta dada por Gonzalo Castro, non fica marxe para a dúbida: a intención do Goberno Local é de manter o modelo tal e como o ten planificado.

As mocións do BNG

De resto, o Pleno aprobou as tres mocións formuladas polo BNG, dúas delas -a do perfeccionamento dos mecanismos de participación cidadá e o da protección e conservación do conxunto muralístico de Urbano Lugrís na rúa Olmos- por unanimidade.

A terceira, a do impulso do transporte marítimo entre a cidade e a contorna, foi aprobada cos votos a favor do PSOE e a oposición do PP, o partido que goberna a Xunta, casualmente a Administración que ten competencias sobre a mobilidade interurbana.

 

 

 

 

 

 

En resposta a unha pregunta do BNG, o Goberno Local anuncia que o tributo oficial a Ibrahima e Magatte será o 24F