O BNG insiste en reclamarlle ao Concello que revise os actos administrativos sobre Someso
A Coruña, 8 de xaneiro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG considera que, mentres que non se revisen de oficio os actos administrativos do caso Someso que son nulos de pleno dereito por seren resultado de prácticas e condutas delictivas, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza dificilmente cambiará o seu reiterado criterio xurisprudencial ao respecto, declarando que houbo expropiación.
Ademais, as nacionalistas lembran que os recursos de casación en interese de lei que se poidan presentar ante o Tribunal Supremo contra as sentenzas do Tribunal Superior de Galiza están abocados ao fracaso dada a súa natureza extraordinaria, o que pode implicar, alén de gañar tempo e evitar a firmeza das sentenzas, pagar máis en concepto de intereses.
O BNG pide a revisión de oficio dos actos administrativos nulos de pleno dereito por seren resultado de prácticas e condutas delitivas
O Grupo Municipal do BNG advirte de que por moito que se completen os expedientes administrativos do caso Someso, as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza non van modificarse mentres subsistan xuridicamente os actos administrativos sobre os cales o propio Tribunal Superior resolveu en máis dunha ocasión declarando que houbo expropiación.
Se o Goberno municipal recoñece, logo do informe do proceso de investigación sobre Someso, que hai actos administrativos que o propio Goberno considera que son resultado de prácticas e condutas delictivas, como é posíbel que se negue a revisar de oficio tales actos administrativos que son nulos de pleno dereito por tales circunstancias?, pregúntanse as nacionalistas. Trátase, indican, dunha cuestión realmente importante para os efectos xudiciais que poidan corresponder, dado que o Tribunal Superior de Xustiza non poderá cambiar de criterio xurisprudencial se o propio Goberno Local manten firmes actos que son ilícitos. Como vai cambiar de criterio xudicial o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza se o propio Concello mantén firmes actos ilícitos?, pregúntanse. O propio Tribunal Superior de Xustiza poderá dicir, con toda a razón, que se se trata dun acto ilícito (por exemplo, a sinatura de certificacións falsas de secretaría), o primeiro que se debe facer en consecuencia por parte do Concello é revisalo de oficio para proceder a súa expulsión do mundo xurídico dada a súa nulidade, salientan.
O recurso extraordinario de casación en interese de lei, que pode servir para gañar tempo e evitar a firmeza das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, está abocado ao fracaso e suporá ter que pagar máis en concepto de intereses
As nacionalistas advirten de que as últimas sentenzas son firmes e non son recorríbeis en recurso de casación ordinario. Tal e como sinalan os fallos, "contra ella sólo se podrá interponer recurso de casación en interés de ley". Isto significa que, de acordo coa xurisprudencia e coa lei (Lei 29/1998), non afectaría nin ao fallo das sentenzas nin ás súas consecuencias xurídicas (a reversión dos terreos e a indemnización substitutoria).
Así, os recursos de casación en interese de lei que poidan presentarse ante o Tribunal Supremo contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza están abocados ao fracaso dada a súa natureza extraordinaria, o que pode implicar, alén de gañar tempo e evitar a firmeza das sentenzas, pagar máis en concepto de interese, advirte o Grupo Municipal do BNG.