O BNG pregunta por que se permitiu a apertura do novo punto de encontro malia non ter licenza
A Coruña, 5 de xaneiro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha batería de preguntas para a resposta escrita en que se interesapola situación do novo punto de encontro da Coruña, despois de que o Grupo Parlamentar do BNG fixera o propio coa Xunta de Galiza. Na iniciativa, a concelleira María Xosé Bravo expón que o BNG tivo coñecemento, a través da Asociación VelaLuz, de que o punto encontro aberto no centro Santiago Apóstol carece de licenza de apertura, ten serias deficiencias sanitarias e hixiénicas e non cumpre con medidas mínimas de seguridade. A nacionalista cita na iniciativa incumprimentos como ventás a 70 cm do chan ou enchufes a 20 cm, paredes desconchadas, con mofo...
"Dado que se trata dunha instalación á que acoden as vítimas de violencia machista, tanto mulleres como crianzas e os maltratadores, no BNG consideramos inadmisíbel que o Goberno municipal permita que se abra sen a licenza oportuna e máis nesas condicións de deterioro e falta de seguridade", apunta. "Trátase dunha decisión tomada de xeito apresurado e improvisado", denuncia.
Así, a concelleira nacionalista pregunta se é certo que o Concello non deu a licenza de apertura para o punto de encontro, tal e como vén de admitir a Xunta de Galiza. Se isto é así, Bravo interésase polas medidas que ten pensado tomar para sancionar a quen for oportuno por abrir o centro sen a licenza preceptiva. Ademais, pregunta como xustifica o Goberno municipal a imposibilidade de que calquera cidadá ou cidadán que queira abrir calquera tipo de estabelecemento se lle esixa a licenza e que este centro, coa indefensión que sofren as persoas usuarias, poida abrir sen ela e se realizou o Concello unha inspección do lugar para ver se se cumpren os requisitos de seguridade.