O BNG insiste en que o Concello fiscalice as contas da ORA e do guindastre
A Coruña, 2 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG, que en todo momento apelou á máxima colaboración coa xustiza, explícalle ao Goberno municipal que a remisión da relación de expedientes de Vendex non ten a ver coa investigación interna reclamada polos nacionalistas en Pleno. O BNG, con independencia e compatibilidade co procedemento penal en curso, solicita que o Concello fiscalice as contas da empresa concesionaria da ORA e do guindastre, xa que así llo permite a lexislación.
O Concello pode fiscalizar a actuación da concesionaria, alén de revisar e recuperar a concesión. Apelan os nacionalistas ao prego de prescricións técnicas (artigo 5 e 6) e do prego de condicións administrativas (condicións 7 e 19). Tamén sinala o BNG o artigo 127.1.2 do regulamento de servizos das Corporacións locais, cando dispón que a Corporación ostentará respecto da concesionaria a potestade de fiscalizar a xestión do concesionario, a cuxo efecto poderá inspeccionar o servizo, as súas obras, instalacións e locais e a documentación relacionada co obxecto da concesión e ditar as ordes para manter ou restabelecer a debida prestación.
O Grupo Municipal do BNG solicitaba na moción presentada onte en Pleno a constitución dunha comisión informativa especial, para investigar os procedementos administrativos de outorgamento de concesións das que resultase adxudicataria algunha das sociedades do grupo Vendex, especialmente das relativas aos servizos da ORA e de retirada de vehículos municipal, e de inspeccionar a xestión económica-financeira das empresas adxudicatarias destas concesións, especialmente das que prestan os servizos da ORA e de retirada dos vehículos municipais. Ademais, reclamaba a revisión das concesións administrativas dos servizos da ORA e de retirada de vehículos municipal e estudo sobre a posibilidade de recuperar a concesión destes servizos, que en tres anos e medio supuxeron para o Concello 2.272.049,19 euros.