Malia ser BIC, o Castelo de Santo Antón non ten unha delimitación do seu contorno a protexer

Malia ser BIC, o Castelo de Santo Antón non ten unha delimitación do seu contorno a protexer

A Coruña, 2 de outubro de 2012.- A Sentenza do Tribunal Supremo (Sala do Contencioso-Administrativo) de 17 de setembro de 2012, que se achega con esta nota de prensa, evidencia con toda claridade que o Castelo de Santo Antón non ten delimitado o contorno de protección no espazo portuario. Trátase dunha sentenza pola que se estima o recurso interposto pola Autoridade Portuaria da Coruña e se anula a sanción de 80.000 euros que lle impuxera a Consellaría de Cultura por facer obras (construción de dúas alineacións de pantaláns flotantes para o amarre de pequenas embarcacións deportivas) no contorno do Castelo de Santo Antón sen a preceptiva autorización desta Consellaría.

A razón da estimación é clara. Segundo o Tribunal Supremo, o Castelo de Santo Antón é un BIC (Ben de Interese Cultural), mais non ten delimitado o contorno de protección no espazo portuario, ao declarar literalmente que "ni en el PEPRI, ni en la declaración del BIC en la categoría de monumento se contiene, por tanto, una delimitación de su entorno a proteger. Esa delimitación es genérica de las Normas Complementarias. Por tanto, no existe una delimitación justificada para el caso específico del Castillo de Santo Antón, que a la vista de las peculiaridades de dicho Castillo y de su entorno, delimite éste de forma razonada justificando, además las limitaciones que implica dicha delimitación... Dentro del dominio público portuario se realizan obras propias del mismo (puerto deportivo) sin que la zona delimitada del BIC Castillo de San Antón -por lo ya visto- tenga justificación específica, para el caso concreto, de la afección que dichas obras comportan para la zona del entorno del Castillo".

A STS de 17 de setembro de 2012 evidencia a necesidade de delimitar o contorno de protección dos bens catalogados na zona portuaria

A consecuencia xurídica desta Sentenza do Tribunal Supremo non é outra que a de poñer de manifesto que a Xunta de Galiza (Consellaría de Cultura) non ten competencias sancionadoras para a protección de bens culturais na zona de servizo do porto (como é o caso do Castelo de Santo Antón, cuxo contorno de protección non está delimitado), agás que o ben protexido teña definido un contorno de protección (como é o caso agora do Baluarte do Parrote, cuxo contorno de protección figura no Estudo de Detalle e na modificación que se está a realizar do Plan Especial do Porto).

Por todas estas razóns, o Grupo Municipal do BNG urxe a delimitar o contorno de protección dos bens catalogados na zona portuaria, incluíndo tal delimitación no Plan Especial do Porto. De modo que, sempre coa finalidade de protexer o noso patrimonio, o Plan Especial do Porto, que se está a modificar, debe incorporar necesariamente unha delimitación do contorno de protección de todos os bens catalogados dentro do espazo portuario, Castelo de Santo Antón incluído.

 

Malia ser BIC, o Castelo de Santo Antón non ten unha delimitación do seu contorno a protexer