NON SE VAN TER EN CONTA NIN AS ALEGACIÓNS DO GRUPO MUNICIPAL DO BNG NIN AS DAS DIRECCIÓNS DAS ESCOLAS
Avia Veira denuncia que o Regulamento das Escolas Infantís vai ser aprobado sen diálogo previo cos centros
O Grupo Municipal do BNG, que presentou alegacións ao Regulamento de Organización e Funcionamento das Escolas Infantís Municipais, vén de coñecer que o Goberno Local ten pensado levar este asunto a un vindeiro pleno sen ningún tipo de diálogo.
“Nas nosas alegacións propúñase, entre outras cuestións, que nas Escolas infantís municipais houbese persoal específico para atender as crianzas con Necesidades Específicas de Atención Educativa, que no Consello de Participación cuxa función principal é educativa se contase co profesorado das escolas mais tamén con especialistas de educación da UDC e dos ciclos de FP, camiñar progresivamente cara a unha corrección das ratios que fixese os grupos máis pequenos de acordo coas ratios que existen nos países da contorna e máis seguros en tempos de COVID-19”, sinala Avia Veira.
Para o BNG é, ademais, un erro que se intente aprobar un regulamento que afectará a estes centros educativos de 0-3 anos sen ter en conta as propias direccións das escolas infantís municipais: principais axentes que terán de aplicar día a día esta normativa e que tamén presentaron as súas alegacións.
Desde o Bloque tamén sinalan que tiveron coñecemento de que este asunto vai tratarse directamente na Comisión de Economía, Facenda e Administración Xeral.
No seu día a formación nacionalista comprendeu que este asunto se levase vía Comisión de Facenda (xa que a única que estaba a reunirse durante o Estado de Alarma) mais consideran que é unha incoherencia que este asunto non sexa tratado na Comisión de Educación e Cultura e desde o Servizo Municipal de Educación: cando precisamente este vai ser o servizo municipal encargado de que se aplique o regulamento.
Por último, desde o BNG insisten en que o Goberno Municipal vai levar a pleno o Regulamento de Organización e Funcionamento das Escolas Infantís Municipais sen sequera xuntarse nin co BNG nin coas dirección das escolas para dialogar a admisión ou non das alegacións.