AVIA VEIRA PÍDELLE AO EXECUTIVO CORUÑÉS QUE FALE TAMÉN CO BNG
O regulamento das Escolas Infantís é pouco ambicioso e o Goberno Local ten que dialogar sobre el coas direccións dos centros
Esta valoración sobre o regulamento no seu estado actual -o prazo de presentación de alegacións conclúe o próximo 7 de xullo- é compartida tamén polas directoras das Escolas Infantís Municipais coas que Avia Veira mantivo o pasado mércores un encontro.
"Se ben recolle a gratuídade e outorga ao galego a condición de lingua vehicular, cousas coas que obviamente estamos de acordo, non ten a suficiente ambición e é excesivamente conservador", apunta Veira. É conservador nas ratios profesorado/alumnado: "Cremos desde o BNG e tamén o cren as direccións dos centros que hai que ir a aulas en que haxa menos nenos por docente".
Alén diso, para o BNG o Consello de Participación "tamén debe ser máis aberto", ao tempo que se debe concebir as escolas basicamente como unha etapa máis do proceso educativo das nenas e nenos de 0 a 3 anos e, por tanto, fuxir da concepción asistencialista destas escolas.
Para o BNG, o regulamento tamén fica curto á hora de garantir as condicións laborais das persoas que traballan nestes centros. "As directoras", relata Veira, "trasladáronnos que existe un problema serio de falta de financiamento das escolas. E, por tanto, temos que sentar os grupos políticos a falar desta cuestión, fundamental para que se poida ofrecer un servizo de máxima calidade, que xa se está a ofrecer, e ia pesar da precariedade laboral á que se ve sometido o cadro de persoal destas escolas. Un colectivo, alén de máis, fondamente feminizado".
Así as cousas, a concelleira nacionalista pídelle ao Goberno Local que sente a dialogar coas directoras das Escolas Infantís Municipais. "O documento final que se aprobe en Pleno (após o debate das alegacións) ten que ter o respaldo das direccións destes centros", salienta Veira, quen insta tamén o Executivo coruñés "a que dialogue con este grupo municipal, cousa que non aconteceu á hora de levar a pleno o regulamento na súa redacción inicial".