O DA CORUÑA SERÁ ÁS 12 DA MAÑÁ AO PÉ DO MONUMENTO A CURROS ENRÍQUEZ NOS XARDÍNS DE MÉNDEZ NÚÑEZ
UN DÍA DA PATRIA GALEGA ‘EXPANSIVO’ CON ACTOS EN TODAS AS CIDADES GALEGAS
A COVID-19 e a situación de emerxencia sanitaria obrigan o BNG a non poder festexar os 100 anos do inicio da celebración do 25 de xullo como Día da Patria Galega, instituído polas Irmandades da Fala, coa súa tradicional manifestación polas rúas de Compostela, o xantar posterior na Carballeira de San Lourenzo ou os concertos e múltiplas actividades que oferta cada ano o Festigal.
No seu lugar, a formación nacionalista opta este ano por convocar o pobo galego a un Día da Patria ‘expansivo’ e ‘descentralizado’ con actos políticos nas sete principais cidades do país. Haberá manifestación con saída da Alameda, si, e acto posterior na Praza da Quintana, mais debidamente acotado á máxima afluencia permitida nestes momentos. Coa Quintana conectarase ás 12.45 a través de streaming desde cada cidade para poder seguir a intervención de Ana Pontón.
Na Coruña o acto político do 25 de xullo será ás 12 da mañá nos Xardíns de Méndez Núñez ao pé do conxunto escultórico que honra a figura do poeta Manuel Curros Enríquez. Antes da conexión coa da portavoz nacional do BNG na Quintana o acto iniciarase coas intervencións presenciais de Román Blanco (responsábel comarcal de Galiza Nova), Francisco Jorquera e d@s deputad@s no Parlamento de Galiza recén elect@s Daniel Pérez e Mercedes Queixas.
CHAMADA A COLOCAR A NOSA BANDEIRA EN FIESTRAS E VARANDAS
Como xa vén sendo habitual, o BNG anima a visibilizar a celebración do Día da Patria Galega colocando a nosa bandeira en fiestras, varandas e outros lugares visíbeis das nosas casas, locais, etc.
Para quen non tiver bandeira o BNG distribúe gratuitamente exemplares de aquí á tarde de mañá venres entre toda a poboación interesada. É posíbel pedila contactando connosco nas nosas diferentes canles en redes sociais (Twitter, Facebook, Instagram), a través do correo [email protected] ou do teléfono 669 381 398.
Fisicamente haberá bandeiras galegas dispoñíbeis na oficina do Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña (Palacio Municipal de María Pita) en horario de 9 a 15 horas e no local comarcal da rúa das Donas (Damas), 4 – baixo (Cidade Vella) de 15 a 21 horas. Repartiranse até fin de existencias.