O BNG vota en contra do regulamento de escolas infantís, pois non garante o acceso equitativo
A Coruña, 3 de febreiro de 2014- En relación ao cambio de Regulamento das escolas infantís municipais, que se debateu na sesión plenaria desta mañá, a concelleira do BNG María Xosé Bravo puxo de manifesto que a pesar de que no preámbulo se alude ás Conclusións do Consello da UE sobre educación infantil, de 15.06.2011, o regulamento agocha aspectos fundamentais, e isto a pesar de que xustifican a modificación do anterior regulamento, precisamente en base a estas conclusións. Referíase Bravo á parte do informe europeo sobre o acceso equitativo e xeneralizado á educación infantil e á necesidade de aumentar a calidade. As conclusións do Consello da UE falan de nenos e nenas que proceden dunha contorna socioeconómica desfavorecida, como a inmigración, o colectivo xitano ou as crianzas con necesidades educativas especiais e é de salientar que o regulamento municipal nin sequera recolle as palabras inmigración nin xitano, denunciou.
María Xosé Bravo apuntou que o regulamento non é equitativo na medida en que, como o regulamento vixente hoxe en día, segue discriminando gravemente as persoas desempregadas, se papá e mamá traballan, poderían conseguir até 12 puntos; se os dous están desempregados, 4 puntos; é dicir, unha diferenza de 8 puntos. Esta diferenza, advertiu, é o duplo do que se consegue entre ser unha familia con ingresos 0 (inferior ao IPREM 4 puntos) e gañar 10.000 euros (superior a 350% IPREM 0 puntos). Denunciou, a continuación, que existen familias non pertencen a ningún destes dous colectivos, pois nin están traballando nin son desempregados. Falo de pensionistas (alguén que teña unha pensión por unha invalidez total) ou de inmigrantes sen papeis aos que nin tan sequera lles deixamos apuntarse no Servizo Galego de Colocación, subliñou, 0 puntos fronte a 12 para estas familias.
A continuación, a concelleira do Bloque sinalou que o acceso non é xeneralizado, na medida en que a falta de postos nas escolas infantís da rede pública na Coruña é grave. Referiuse ademais á ambigüidade do informe do servizo, que fala de 200 novos postos e non especifica se son para o curso 2014/2015, e pediulle ao Goberno municipal concreción sobre o número de escolas que van abrir na cidade. Aludiu, entón, á tan anunciada escola do Plan Educa, da que nada sabemos.
No que respecta á necesidade de aumentar a calidade, María Xosé Bravo puxo de manifesto que a feminización no coidado dos nenos e nenas provoca o efecto perverso de que os servizos para a primeira infancia non son para os e as cativos, protagonistas da escola infantil, senón que respostan, en moitas ocasións, ás necesidades da súa familia. Sinalou, a continuación, que no artigo 4 do regulamento se indica que o servizo que presta a REIM ten unha dupla natureza: por unha banda educativa e por outra asistencial. Porén, na educativa fálase de acollemento, coidado e educación, e dicir que nin na parte educativa é totalmente educativa. No BNG, desde logo, non compartimos as leis educativas que o PP desde o Goberno de España nos quere impoñer, salientou. Referíase Bravo ao anuncio do Ministerio de Educación de non renovar o Plan Educa 3, porque o ensino de 0-3 anos "sólo responde a un carácter asistencial y de conciliación". Tamén botou en falta a concelleira nacionalista a proposta pedagóxica, documento obrigatorio que non se cita no artigo 17 cando fala dos documentos do centro.
Só se permite un alumno ou alumna con necesidades especiais por aula
Outra das cuestións que criticou Bravo foi que só se admitirá un menor con necesidades específicas de apoio educativo, ao igual que no regulamento vixente, o que non semella responder tampouco ás Conclusións do Consello da UE sobre educación infantil. É certo que o propio artigo sinala que se atenderá se en función das necesidades dese alumnado se poden cubrir máis prazas, pero debería engadirse que se garantirá unha praza na rede pública ou se adscribirá ao centro algún tipo de axuda, salientou, tal e como está redactado, pode ser terribelmente inxusto.
A continuación, Bravo apuntou incongruencias no que respecta aos horarios dos centros e tamén salientou a desaparición das psicopedagogas como directoras. Sinalou que o regulamento só fala de AMPA, cando pode haber máis de unha AMPA, e que non existe interese ningún por parte do Goberno municipal por dar resposta desde a aquelas familias que queren escolarizar aos seus fillos e fillas en galego. Por último, sobre o 2% de prazas gratuítas, advertiu de que, tal e como recolle o informe do interventor, se trata só dunha posibilidade e non existe ningunha obrigación contraída.
Polos motivos esgrimidos pola concelleira nacionalista na súa intervención, o Grupo Municipal do BNG votou en contra da aprobación inicial deste regulamento.