O BNG votou en contra do novo Regulamento das Escolas Infantís porque discrimina aos menores con NEA
A Coruña, 9 de abril de 2014.- O BNG denuncia que malia que o Goberno Municipal di que acepta a tres alegacións respecto ao acceso de menores con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) presentadas polo BNG, por unha cidadá da Coruña particular e pola ANPA da EI Arela, a realidade é que o Goberno empeorou, se callar, a redacción inicial ao facer que este alumnado teña que someterse a unha dupla valoración.
E así no artigo 24, sobre o proceso de admisión, recóllese:
3.4. Como norma xeral, só se admitirá un/unha menor NEAE por unidade. Porén, esta limitación será valorada pola citada comisión considerando os dous informes anteriores.
3.5. O SME garantirá que ningún menor con NEAE e os informes favorables á súa escolarización, quede sen praza nalgunha das escolas da REIM.
De que informes se fala?
Supoñemos que se refire aos necesarios para solicitar a flexibilización (quedar un ano máis nunha Escola Infantil en vez de incorporarse a un CEIP). E se é lóxico que se pidan informes para permanecer un ano máis na EI como o van ser preceptivos estes informes para o acceso a EI para o alumnado con NEAE? Inxusto, discriminatorio e tamén imposible de conseguir! Porque o Sr Concelleiro debería saber que o Equipo de Orientación Específico non fai informes para acceder a unha EI ( si para a flexibilización) Porque se somete a esa dupla valoración ao alumnado con NEAE e non ao outro alumnado?
O texto proposto polo Goberno Municipal como resposta as tres alegacións presentadas, lonxe de clarificar e mellorar a situación, dificúltaa e complícaa, cando o lóxico e o xusto sería garantir sen "peros" a igualdade de oportunidades para os nenos e nenas con Necesidades Específicas de Apoio Educativo.