UN PARQUE DÚAS VECES A EXTENSIÓN DE RIAZOR, FRONTE AO LEIRA PARK QUE ABRIU INÉS REY, E 40% DE VIVENDA PROTEXIDA
Si á aprobación inicial á mudanza do PXOM no Parque da Agra, o apoio definitivo depende dun Plan de Melloras para o barrio
O grupo municipal do BNG votou hoxe, no pleno ordinario de maio, a favor da aprobación inicial da modificación puntual do PXOM no ámbito do polígono Parque da Agra, mais a nosa candidata á Alcaldía, Avia Veira, remarcou que o Bloque condiciona o seu apoio definitivo a que se impulse un plan con melloras para o barrio.
Cumpre lembrar que a modificación do PXOM ten un trámite longo e que, despois desta aprobación inicial, o asunto terá de volver até en dúas ocasións ao Pleno, unha primeira para a súa aprobación provisional, e unha xa final para a súa eventual aprobación definitiva.
O si a esa aprobación definitiva condiciónao o BNG a que se aprobe un Plan de Melloras para a Agra que no mínimo contemple os seguintes 5 puntos:
1.-Que se impulse un plan director para o barrio, para a súa mellora estética, para reverdecelo, e para mellorar a habitabilidade e accesibilidade dos edificios.
2.-Que nos pregos do servizo de limpeza viaria se garanta un servizo intenso no barrio.
3.-Que nos novos pregos do bus se garantan unhas boas conexións para a Agra.
4.-Que as prazas do aparcadoiro proxectado se ofrezan á veciñanza da Agra.
5.-Que o Goberno Local habilite baixos comerciais baleiros para facer lugares de convivencia para a xente maior, para a mocidade e para a infancia.
Na súa intervención, o portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, mostrou a súa disposición a negociar co BNG os contidos dese plan.
Xa entrando no debate, Avia Veira remarcou que esta modificación puntual do PXOM vén determinada por unha sentenza favorábel ao propietario do soar das Adoratrices, quen logrou que esa parcela fose considerada solo urbano consolidado e que, por tanto, fose separada do polígono da Agra.
No PXOM de 2013 -aprobado por un Goberno Local do PP- o soar si facía parte do polígono, mais o Executivo Negreira -do que facía parte Miguel Lorenzo, actual portavoz conservador- non pelexou nos tribunais para manter As Adoratrices no Polígono da Agra.
Avia Veira lembrou que o PP non pelexou activamente nos tribunais para manter o soar das Adoratrices no polígono, o que tería permitido que nel se construísen vivendas protexidas
“Por que non defendeu activamente nos tribunais o Goberno Local do PP, onde participaba vostede, señor Lorenzo, que o soar das Adoratrices se mantivese como Solo Urbano non Consolidado. Pode explicárnolo? Encantaríame que lle desen unha explicacións ás coruñesas e coruñeses”, afirmou Veira.
E que supuxo que As Adoratrices fose excluído do ámbito? Pois que o seu propietario non ten que colaborar cos custos de urbanización do polígono -construción das rúas, acondicionamento das zonas verdes- e que non exista a obriga de construír vivenda protexida nese soar.
Así as cousas, o Goberno Local negociou un convenio co propietario das Adoratrices, votado favorabelmente polo BNG ao se ceder ao Concello unha parcela de 4.303,60 metros cadrados, como zonas verdes. Alén diso, vanse construír dúas edificacións entre as cales se abre un corredor visual que vai conectar o Parque da Agra con Gregorio Fernández, “evitando que se tapase toda esa fronte, deixando o parque illado”. “O convenio ten cousas positivas”, remarca Veira.
Negociación desta mudanza
O Goberno Local tentou levar esta modificación puntual ao pleno de abril, mais optou por a retirar após acordar co BNG a apertura dun diálogo, aberto á veciñanza.
“Decidimos sentar a falar. A nós vainos o diálogo. E pedimos que o Goberno Local dialogase connosco e coa asociación veciñal da Agra”, relata Veira.
Produto dese diálogo, a modificación puntual do PXOM que veu a este Pleno é significativamente mellor que a pretendida en abril polo Goberno de Inés Rey.
É mellor porque “eliminamos un edificio que rompía a aliñación da rúa Pascual Veiga e pechaba a entrada do parque”, alén de reducir o tamaño doutra das edificacións, o que axudaría a manter a conexión do parque desde arriba con Gregorio Fernández.
En definitiva, o BNG elixiu entre “abrir un parque cuxa extensión equivale a dous campos de fútbol de Riazor” ou “manter indefinidamente o Leira Park que abriu Inés Rey”. Loxicamente decantámonos pola primeira opción.
Grazas ao BNG, elimínase un edificio e redúcese o tamaño doutro
Veira debullou as propostas alternativas baralladas polo PP. Propostas que en realidade non son viábeis.
Unha sería indemnizar os propietarios dos terreos, tendo en conta, alén diso, que eliminar toda a edificabilidade sería eliminar tamén toda a vivenda protexida.
“Pero, señores do PP, non era que estamos nun tsunami económico [polo burato detectado nas contas do Concello*? Como comprometerían vostedes 20 millóns de euros [para indemnizacións] durante un tsunami económico? Encantaríame escoitalo”, ironizou.
E canto á traslado da edificabilidade, o PP non di a que outro barrio se tería que transferir.