Queixas ve a Fundación Luís Seoane "no peor momento da súa historia" por culpa da xestión do Goberno de Inés Rey
A concelleira do BNG Mercedes Queixas ve a Fundación Luís Seoane “no peor momento da súa historia” por culpa da xestión do Goberno de Inés Rey.
Queixas levará o asunto ao Pleno deste xoves en forma dunha pregunta oral que reza así: “Por que o Goberno Local ten paralizada a Fundación Luís Seoane?”.
“Sete anos de Inés Rey deixan a Fundación Luís Seoane cunha dirección provisional, despois de se ter anulado un concurso previo inzado de irregularidades e cunha ausencia total de proxecto museístico para divulgar o impresionante legado de Luís Seoane”, afirma Queixas, quen á vez denuncia que o Padroado leva sen ser convocado desde o ano pasado. Isto significa que non se teñen aprobado as contas de 2025, nin tampouco a programación de actividades e o orzamento de 2026.
A concelleira nacionalista lembra que Inés Rey renunciou á presidencia da Fundación Luís Seoane, delegándoa no concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, un feito do que o Padroado non ten constancia oficial.
“O legado de Luís Seoane e a vontade de Maruxa Seoane non están a ser respectados polo Goberno de Inés Rey. Por iso volvemos levar o asunto ao Pleno, a preguntarlle ao goberno Local por que ten abandonado un dos tesouros culturais da nosa cidade”, conclúe.