ASINÁRONO A ALCALDESA E O NOSO PORTAVOZ, FRANCISCO JORQUERA
Acordo político para uns "bos orzamentos" para A Coruña que entrarán en vigor a 1 de xaneiro, o que non acontecía desde 2015

Rey e Jorquera asinaron o Acordo Político no Salón Vermello do Pazo de María Pita e logo se dirixiron ao Salón Real para explicaren o seu contido nun encontro cos medios.
Jorquera dixo que se o BNG liderase o Goberno Local estes orzamentos serían “distintos”, entre outras cousas porque “toda negociación conleva buscar os puntos de encontro e, por tanto, a disposición a ceder polas dúas partes”.
No en tanto, salientou que “son uns orzamentos que incorporan grande parte das propostas do BNG”, para a seguir remarcar que “sobre todo, son uns bos orzamentos para A Coruña”.
Coa sinatura deste documento dáse tamén cumprimento “a un dos compromisos que figuran no Acordo de Investidura” que posibilitou o segundo mandato de Inés Rey, e en virtude do cal BNG e PSOE comprometíanse a iniciar a negociación dos orzamentos con tempo abondo para que as contas do Concello entrasen en vigor o 1 de xaneiro.
“Iso en si mesmo é unha boa noticia”, subliñou. “A Coruña necesita uns novos orzamentos e vainos ter. Ao noso xuízo, non era bo para a cidade funcionar con orzamentos prorrogados [o actual é o de 2022 prorrogado] e desde hai anos ou ben non houbo novas contas ou ben estas entraron en vigor co exercicio moi avanzado”, destacou.

Así as cousas, que a 1 de xaneiro o Concello estree orzamentos novos “é un logro do que debemos felicitarnos”, enfatizou.
A seguir, Jorquera -que compareceu ante os medios canda Inés Rey no Salón Real do Pazo de María Pita- debullou as liñas mestras do proxecto de orzamentos.
“Serán uns orzamentos sociais, comprometidos co reforzo dos servizos e prestacións do Concello para facer fronte á actual crise de prezos e evitar situacións de exclusión. Serán uns orzamentos expansivos, comprometidos coa dinamización económica e a xeración de emprego, cun importante esforzo investidor”, dixo.

E serán tamén uns orzamentos orientados a ofrecer solucións ao problema da vivenda, aínda que as principais competencias nesa materia pertenzan a unha Xunta de Galiza cuxas políticas están a ser absolutamente ineficaces á hora de satisfacer o dereito da veciñanza a acceder a unha vivenda a prezos razoábeis.
Así, as novas contas do Concello contemplan medidas como a ampliación da bolsa de vivendas municipais para ofertar en aluguer a prezo taxado, a posta en marcha dun servizo de asesoramento de inquilinos ou o impulso á rehabilitación.

E serán uns orzamentos comprometidos cos barrios, “cun Plan de Humanización e Investimentos” -unha das propostas do BNG- que, alén de distintos obxectivos xenéricos, “contempla numerosas actuacións específicas nos barrios, como resultado da interlocución coas asociacións veciñais e o tecido social barrial”.
Tamén se presta atención a tarefas pendentes do Concello como o das concesións municipais cuxos contratos finalizaron ou se achan a piques de caducar. “No Acordo contémplase dotación suficiente para resolver a situación de precariedade en que se prestan concesións como a de Nostián [caducada en decembro de 2019] ou para facer fronte ao escenario do fin da concesión do servizo de transporte público urbano”.
A respecto disto último, Jorquera apostou por que a cidade avance cara “un novo modelo de mobilidade”, e visando tal fin nas contas “debe haber dotación suficiente para o estudo do modelo de xestión do servizo de transporte público urbano, asegurando ao tempo a ampliación de horarios e a intensificación de frecuencias”.
E xa sen entrar tan polo miúdo, Jorquera precisou que os orzamentos reservarán partidas en materias como medio ambiente, dinamización económica e emprego, servizos sociais, igualdade e participación, infancia e mocidade, ensino e deporte, ben como tamén amosarán “un claro compromiso coa nosa lingua e cultura”.
Xa fóra do que estritamente ten a ver co proxecto orzamentario, o Acordo Político asinado por Rey e Jorquera debrúzase igualmente sobre ”asuntos chave” para a nosa cidade, como son o impulso da Área Metropolitana, o futuro do porto e da fachada marítima ou a reversión ao Concello do antigo cárcere provincial.
O Acordo Político pode ser consultado na web do BNG, acorunha.bng.gal.