PROPONO AVIA VEIRA A MEDIO DUN FEIXE DE PREGUNTAS POR ESCRITO

Retomar o convenio con Culleredo para mellorar o servizo de taxis en Alvedro

Taxis en Alvedro
Foto: La Opinión [Vítor Echave]
O convenio entre os concellos da Coruña e Culleredo para conxuntamente garantir un adecuado servizo de taxi ás persoas usuarias do aeroporto de Alvedro ficou suspendido hai dous anos e desde entón non foi retomado.
Retomar o convenio con Culleredo para mellorar o servizo de taxis en Alvedro

O grupo municipal do BNG é coñecedor da insatisfacción cidadá ante un problema obxectivo: as dificultades para acceder a taxis no aeroporto, polo que a nosa concelleira Avia Veira vén de rexistrar un feixe de preguntas por escrito.

O convenio devandito deixou de estar vixente “a raíz da pandemia e desde aquela non se actualizou, anota Veira na exposición de motivos desta iniciativa. Porén, engade, “é evidente que continúa a ser preciso para as usuarias e usuarios de Alvedro”.

Veira quere saber por que “está en suspenso” o convenio, se ten planificado o Goberno Local retomalo e, en caso afirmativo, en que prazo.

A concelleira insta o Goberno Local a que sente co sector do taxi para reforzar o servizo público na cidade en xeral e, en particular, para resolver as carencias que neste momento presenta no aeródromo.

Sobre a situación xeral do servizo na cidade, Veira inquire o Goberno local cantas licenzas de taxi existen na Coruña, cantas persoas traballan no sector e como explica “as dificultades que denuncian as cidadás e os cidadáns para acceder a un taxi cando o precisan”.

 

 

 

Retomar o convenio con Culleredo para mellorar o servizo de taxis en Alvedro