A Xunta négase a acabar coa discriminación d@s nen@s con discapacidade nos campamentos de verán
A Coruña, 7 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Partido Popular négase a acabar coa discriminación dos nenos e nenas con discapacidade nos campamentos de verán que organiza a Xunta de Galiza. As nacionalistas culpan a Consellaría de Benestar de falta de sensibilidade ante as peticións das familias da provincia da Coruña que quedaron sen poder levar ao albergue de Gandarío os seus fillos e fillas menores de 19 anos con discapacidade superior ao 65%, ao contrario do que acontecía en anos anteriores. Aínda que familias afectadas presentaron recursos ante a Consellaría de Benestar, o departamento que dirixe a coruñesa Beatriz Mato mantén a decisión de impedirlles aos seus fillos e fillas menores de 19 anos e con discapacidade superior ao 65% participar no campamento de Gandarío.
Na resposta, a Xunta de Galiza atrévese a afirmar que tratouse, na medida do posible, ter oferta de instalacións nas catro provincias, do mesmo modo que se fai noutras modalidades de campamentos. A Consellaría de Benestar salienta isto a pesar de que a oferta para os mozos e mozas menores de 19 anos da provincia da Coruña con discapacidade superior ao 65% a oferta é cero. Deste xeito, os e as menores de 19 anos con discapacidade superior ao 65%, persoas que están polimedicadas e padecen serios problemas de saúde, teñen que desprazarse a máis de 180km, a Ourense, se queren participar nun campamento de verán, o que provoca a inquietude e preocupación das familias diante de calquera problema de saúde do seu fillo ou filla, tendo en conta que se dan de xeito habitual nestes nenos e nenas.
Ademais, na contestación, a Xunta de Galiza expón que será necesario avaliar, en base aos indicadores correspondentes, o nivel de satisfacción, algo que molesta profundamente os pais e nais, pois nos seus casos non poderán realizar esa avaliación ao excluír a Xunta os seus fillos e fillas dos campamentos.
Os pais e nais desmontan as falacias da Consellaría
Nun escrito de resposta á contestación da Consellaría de Benestar, os pais e nais critican o escurantismo difícil de entender da Xunta de Galiza en relación ao número de prazas ofertadas. Nun dos escritos, unha nai cun fillo de 17 anos cunha discapacidade do 99% sinala: Din vostedes na resposta que neste ano 2014 as persoas con discapacidade puideron optar a un número de prazas maior, a través de diferentes vías de participación, pois eu non o sabía, creo que ningún cidadán o sabía porque nin a Orde do 17 de marzo de 2014 pola que se regula a oferta de prazas nin os folletos informan en parte ningunha das prazas que se ofertan.
Esta nai exponlle á Xunta de Galiza: se vostede leu a miña queixa sabería que o meu fillo ten 17 anos e unha discapacidade do 99% polo que é a quenda específica a única á que pode acudir. Tamén lle pon de manifesto que no 2013 había 30 prazas para mozos e mozas de 11 a 18 anos no albergue xuvenil de Gandarío e que no 2014 hai cero prazas e lémbralle que en toda Galiza, para mozos e mozas que se desprazan en cadeira de rodas, a oferta para 2013 era de 30 prazas, que se reduciron a 10 neste 2014.
Ademais, os pais e nais lémbranlle á Xunta de Galiza que en 2011 o albergue de Gandarío ofertaba nos campamentos específicos (para persoas con discapacidade superior ao 65%) seis quendas (dúas de 11-18 anos e catro de 18-40 anos), que en 2012 as quendas se reduciron a cinco (dúas de 11-18 e tres de 18-40 anos), que en 2013 as quendas pasaron a tres (unha de 11-18 e dúas de 18-40 anos) e que, por último, para este 2014 o albergue de Gandarío tan só ofertou dúas quendas (de 19-25 e de 26-40), deixando fóra os menores de 19 anos.