O negocio da Compañía de Tranvías medra por conta de todos nós: os beneficios aumentaron un 8,99%
A Coruña, 30 de xullo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que ano tras ano, o negocio da Compañía de Tranvías medra por conta da cidadanía, dado que os beneficios antes dos impostos seguen a aumentar, en 2013 un 8,99% máis respecto 2012.
Así, segundo as contas económico-financeiras de Tranvías de 2013, ponse de manifesto que os beneficios de explotación antes dos impostos foron de 4.846.892,73.
Por tanto, salientan as nacionalistas, os beneficios medraron un 8,99% respecto o ano 2012 (en 2012 medraron un 4,9% respecto 2011 e o ano 2011 medraron un 4,8% respecto 2010). Uns beneficios que derivan das achegas municipais vía subvencións e que en 2013 suman 8.222.557,75 euros (8.029.073,98 da subvención ao prezo e 193.483,77 euros dunha subvención vencellada á explotación do tranvía correspondente ao exercicio 2011 que aínda está pendente de cobro segundo as contas).
No entanto, o Grupo Municipal do BNG sinala que a Empresa non di nada no informe de xestión de 2013, omitindo o dato fundamental que os beneficios e os resultados de explotación derivan da achega municipal vía subvencións. Así as subvencións municipais permiten acrecentar a cifra de negocios, e por tanto posibilita o incremento de beneficios e o reparto de dividendos entre os socios.
O investimento en inmobilizado material é escaso cando a maior parte da frota está amortizada e obsoleta
O BNG tamén denuncia que o investimento en inmobilizado material (autobuses, maquinaria, utillaxe, outras instalacións, mobiliario, equipos proceso información) é realmente escaso. Malia que a Compañía de Tranvías pretenda facer gala no informe de xestión que en 2013 o investimento foi de 1.740.455,30 euros, o certo é que a maior parte da frota de autobuses está completamente amortizada e nalgúns casos obsoleta, de modo que pouco pode presumir a empresa, afirman as nacionalistas. A propia memoria, na súa páxina 17, sinala neste sentido que o inmobilizado material totalmente amortizado, e que aínda está en uso a 31 de decembro de 2013, é de 15.492.740,61 euros.