O BNG presenta propostas en positivo para darlle a volta ao Modificativo de Crédito

Avia Veira momentos antes de entrar á reunión esta mañá.
O BNG presenta propostas en positivo para darlle a volta ao Modificativo de Crédito

A Coruña, 13 de agosto de 2015.- O Grupo Municipal do BNG manifesta a súa disconformidade coa proposta de Modificativo de crédito M1/2015 levada a pleno e polo que votou en contra o pasado venres 10 de agosto. Esta proposta pretende financiar os recoñecementos extraxudiciais de créditos, responsabilidade da nefasta xestión do anterior goberno do PP, mais tamén iniciativas propias do actual goberno da Marea Atlántica a través de baixas de crédito por anulación inaceptábeis no contexto actual de crise económica e social que seguen a sufrir as maiorías sociais da nosa cidade.

Neste sentido, consideramos innecesario o suplemento de crédito da aplicación 60.4321.467.00, por valor de 550.000 euros, coa denominación “Transferencias correntes a Consorcios” e destinada por insuficiencia de crédito para a colaboración con entidades para a promoción turística da cidade a través da música.

As nacionalistas consideran innecesario o suplemento de crédito da aplicación de 550.000 euros destinado por insuficiencia de crédito para a colaboración con entidades para a promoción turística da cidade a través da música

Así mesmo, prodúcense, dunha banda, baixas nas concellarías de Educación e Emprego e Economía Social coas que desde o grupo municipal xa amosaou a súa discrepancia e, doutra banda, suplementos de créditos na concellaría de Servizos Sociais e Coidados que van na liña de reforzar economicamente as entidades benéficas –cuxo labor é encomiábel- no canto de dotar economicamente programas executados desde os propios servizos sociais públicos que han de ser os que manteñan a referencialidade e os verdadeiros garantes dos dereitos da cidadanía.

É por isto que propoñemos:

- A anulación do suplemento de crédito da aplicación 60.4321.467.00, por valor de 550.000 euros, coa denominación “Transferencias correntes a Consorcios” e destinado por insuficiencia de crédito para a colaboración con entidades para a promoción turística da cidade a través da música.

- A anulación do suplemento de crédito da aplicación  51.231.480.50, por valor de 100.000 euros, coa denominación “Convenios nominativos” e destinado por insuficiencia de crédito para o incremento do convenio suscrito con Cáritas diocesana de Santiago para  contribuír ao financiamento do programa de axudas sociais desenvolvido pola entidade dirixido a persoas en situación de necesidade do Concello da Coruña.

- A inclusión dun suplemento de crédito da aplicación 51.231.227.20, por valor de 142.000 euros, coa denominación “Programas sociais” e  destinado para a creación dun novo programa de loita contra a pobreza en concreto para axudas para familias con menores en risco de exclusión social.

- A inclusión dun suplemento de crédito da aplicación 52.321.212.00, por valor de 75.000 euros, coa denominación “Reparación, mantemento edificios e/ou construción” e destinado a acometer melloras en escolas infantís municipais.

- A inclusión dun suplemento de crédito por valor de 60.000 euros e destinado a bolsas para estudantes con baixos recursos que, por motivos económicos, non poden acceder aos programas de idiomas en secundaria ou aos programas de ocio educativo.

O BNG propón suplementos de crédito de 142.000 euros para a creación dun novo programa de loita contra a pobreza, de 75.000 euros para melloras en escolas infantís municipais ou 60.000 euros destinados a bolsas para estudantes con baixos recursos, entre outras propostas

- O mantemento da aplicación 60.241.226.19, por valor de 152.503,56 €, coa denominación “Cursos de formación para o emprego” por ser un investimento imprescindíbel nunha cidade con case 20.000 desempregadas/os.

O BNG tamén ve indispensábel salvar os investimentos en formación para o emprego prevista en 152.503,56 €, nunha cidade con case 20.000 persoas desempregadas

- O mantemento da aplicación 60.430.226.18 por valor de 20.000 euros coa denominación “Plan de dinamización do comercio local” porque, malia aducirse que se trata dunha baixa que non perturba o respectivo servizo, podería ser unha cantidade destinada á dinamización comercial dunha determinada zona ou rúa.

- A redución na minoración da aplicación 60.4312.632.00 do departamento de “Mercados e Feiras” coa denominación “Investimento de reposición. Edificios e outras construcións” e o mantemento de 200.496,44 euros, destinado a executar as reparacións precisas no Mercado de San Agustín.

O BNG presenta propostas en positivo para darlle a volta ao Modificativo de Crédito