Os tribunais condenan o Goberno do Sr. Negreira por vulnerar os dereitos do BNG
A Coruña, 25 de setembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa que o Goberno municipal vulnerou os dereitos fundamentais de participación política e de participación en asuntos públicos dos concelleiros e concelleiras nacionalistas, tal e como recolle unha sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 da Coruña, de 20 de setembro de 2012. "A xustiza vén de darnos a razón e condena o Goberno do Sr. Negreira por vulnerar os dereitos fundamentais dos membros do BNG, concretamente do concelleiro Xan Caxigal", salientou.
Os feitos, tal e como explicou Carril, remóntanse ao 24 de febreiro deste ano, cando o Grupo Municipal do BNG, a través de Xan Caxigal, solicitou o acceso e copia do expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para o 2011. O concelleiro do BNG fixo esta solicitude en base a que parte da subvención que o Concello da Coruña lle outorga á Compañía de Tranvías vén precedida dunha solicitude de subvención ao Estado, que fai unha convocatoria aberta de financiamento do transporte colectivo urbano. "Queríamos saber que estimación fixera o Goberno municipal para facer o cálculo da subvención solicitada, a canto ascendía a subvención solicitada e os criterios que tivo en conta o Goberno municipal para cuantificar a solicitude", expuxo. O Goberno municipal constestou que desestimaba a petición formulada por Caxigal "por conter datos persoais ou sensíbeis que deben ser obxecto de especial protección", entendendo así, apuntou Carril, "que unha empresa privada é titular duns mesmos dereitos fundamentais que unha persoa de carne e óso".
Os tribunais condenan o Goberno do Sr. Negreira por infrinxir o artigo 23 da Constitución española, vulnerando un dereito fundamental dos membros do BNG a participar en asuntos públicos
Neste contexto, e dadas as actuacións precedentes do Goberno municipal, que lle denegou ao BNG, en máis ocasión, o acceso a información, os nacionalistas presentaron un recurso no contencioso cuxo resultado é esta sentenza, que lle dá a razón ao BNG. "A sentenza é recorríbel, pero danos a razón e, o máis importante: o propio Ministerio Fiscal entende que tamén hai vulneración dos dereitos fundamentais".
Unha sentenza breve e concisa, pero contundente
A continuación, Carril debullou perante a prensa o contido da sentenza, que cualificou de "breve e concisa, pero contundente". Así, salientou extractos como "o primeiro dato que chama a atención aos efectos do presente recurso é a oposición da demandada en tanto en canto fundamenta a denegación nos datos que poden coñecerse da empresa privada, pero sen sustentar que datos desta empresa poidan ser tan relevantes para que se proceda á denegación do dereito do concelleiro afectado na súa función de control".
Carril expuxo que a sentenza tamén sinala que "non se alcanza a comprender o porqué desta oposición, e se o que se pretende é a información á que acada ese contreto expediente é evidente que non podería prosperar xa que a empresa non contrata ou se vincula cun particular senón cunha administración polo que o seu actuar pode estar fiscalizado polos membros da corporación á que afecta o acto, unido a que non lle sería aplicábel a lei orgánica 15/1999 dado o carácter de persoa xurídica".
Ademais, o nacionalista fixo fincapé na parte da sentenza que di "a este respecto, cabe sinalar que o dereito de información derivado di artigo 23 da constitución inclúe, como contido propio, o dereito a participar en asuntos públicos e con relación aos asuntos públicos municipais, que os concelleiros teñan acceso á documentación e datos de que dispoña a Corporación á que pertencen, o que supón unha facultade de consultar libremente esta documentación, de forma que a súa actividade no Concello poida desenvolverse co debido coñecemento de causa".
Por último, citou o extracto no que se recolle que "a demandada esquece o dereito fundamental de quen desempeña eses cargos públicos representativos a exercelos valéndose de todos os medios que a lei lles confire o cal está directamente vinculado co dereito dos cidadáns a quen representan de participar na vida local a través deles e que esa participación indirecta ha de estenderse a todos os extremos da actuación municipal sen que haxa espazos exentos á mesma e máis cando a oposición (a demandada) é confusa, imprecisa, como ocorre no presente caso".
"Noutras palabras, sinálase que o Goberno municipal está máis preocupado por protexer os intereses dunha empresa que por garantir os dereitos fundamentais da cidadanía a través dos seus lexítimos representantes", advertiu Carril, quen engadiu que a Lei de Protección de Datos non protexe esta empresa.
En definitiva, destacou, "o xulgado dita que se vulneran os dereitos fundamentais do recorrente e imponlle as costas do proceso ao alcalde".
O Goberno do Sr. Negreira volveu denegarlle ao BNG o acceso ao expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano, feito que levara os e as nacionalistas a presentar o recurso no xulgado
Unha vez analizada a sentenza, Carril informou de que o pasado 27 de agosto os nacionalistas volveron solicitar o acceso ao expediente de solicitude de subvención para o transporte colectivo, en relación aos datos de 2012. A contestación, con data de 30 de agosto, foi a mesma que o ano anterior e que tivo como consecuencia a sentenza que o BNG deu a coñecer hoxe.
O portavoz do BNG puxo de manifesto que "seguiremos a facer o noso traballo e exerceremos os nosos dereitos recoñecidos legalmente coa a posibilidade de inspección a actuación do Goberno municipal, nomeadamente, en relación á Compañía de Tranvías".
Carril sinalou que o partido ao que se lle enchía a boca falando da transparencia, por vez primeira desde que goberna no Concello da Coruña, recibiu un tirón de orellas por parte dos tribunais por vulnerar os dereitos dos concelleiros e concelleiras. Lonxe desa transparencia, advertiu, o PP practica a opacidade e o escurantismo, impedíndolle ao BNG o acceso a expedientes. Carril finalizou poñendo de manifesto que a vulneración de dereitos tamén constitúe un delito.