As prioridades do PP: 1.800 millóns máis para armas, as prioridades do BNG: as maiorías sociais

As prioridades do PP: 1.800 millóns máis para armas, as prioridades do BNG: as maiorías sociais

A Coruña, 21 de setembro de 2012.- O BNG levou aos Rosais as propostas que recolle no programa co que se presentará ás eleccións do 21 de outubro, da man do concelleiro Xan Caxigal, que introduciu a charla-coloquio coa veciñanza, e da membro da candidatura pola Coruña, Vitoria Louro. Traballo, soberanía e democracia son os eixos sobre os que xiran as propostas do BNG.

Louro explicou que as prioridades dos e das nacionalistas pasan por crear emprego e por combater a precariedade, defendendo os dereitos dos e das traballadoras, reforzando o papel da iniciativa pública, promovendo políticas que desenvolvan os sectores estratéxicos da cidade (ría do Burgo, comercio, polígonos industriais, actividades marítimo-pesqueiras...), creando unha banca pública ao servizo do país e estabelecendo unha reforma fiscal progresiva que asegure os recursos que se precisen.

No que respecta á soberanía, a candidata do BNG apelou ás políticas axeitadas ás necesidades de Galiza, “defendendo, directamente, os nosos intereses nas instancias en que poidan ser debatidos”. E, no que ten a ver coa democracia, chamou a introducir instrumentos de participación e control cidadán e a asegurar que a acción dos poderes públicos respondan aos intereses do pobo e non dos banqueiros.

Nesta liña, a membro da candidatura do BNG criticou as prioridades do PP, “que non dubida en ampliar en 1.800 millóns o orzamento do Ministerio de Defensa, con 1.200 millóns destinados a avións de guerra, ao tempo que aproba durísimos recortes sociais”. “En cambio, para o BNG, as prioridades son as maiorías sociais. Vimos de demostralo, alí onde gobernamos, co mantemento da paga extra de Nadal aos traballadores e traballadoras públicos, diga o que diga Feijóo”, apuntou.

No BNG, desde o Goberno galego, privilexiaremos o ensino público e restituiremos os libros de texto de balde, mediante un sistema de empréstito

A candidata do BNG alertou a veciñanza dos Rosais de que “o PP vaise presentar ás eleccións cun programa mentira, como xa fixo nas xerais, logo de coñecermos a través dos medios británicos, que De Guindos negocia o rescate para a próxima semana.

Tamén aludiu Louro ao debate que tivo lugar hoxe no Consello de Ministros sobre o proxecto de reforma da Lei educativa, “un proxecto centralista, retrógrado, con claros tintes neofranquistas”. Así, censurou que o PP legalice a segregación por sexos. “No BNG, desde o Goberno galego, reduciremos os concertos de xeito progresivo para a súa eliminación e privilexiaremos o ensino público”, anunciou.

Louro puxo de manifesto que “Wert ten o cinismo de recomendar aos pais e nais que, para aforrar, recorran ao sistema de reutilización de libros de texto: pero se foi o PP quen suprimiu a gratuidade dos libros de texto en Galiza”, exclamou. A nacionalista lembrou que a consecuencia desta medida tan lesiva, a cada familia da Coruña lle custa de media ao redor de 300 euros o comezo do curso escolar. “Co BNG na Xunta de Galiza, restituirase o sistema de libros de balde mediante un sistema de empréstito”, anunciou.

Maderas Peteiro, antena de telefonía, Emilio Pardo Bazán e ausencia de diálogo coa veciñanza

Caxigal, que introduciu o acto, criticou a política municipal do PP respecto dos Rosais. Denunciou, en primeiro lugar, os intereses do concelleiro de Urbanismo en Maderas Peteiro, empresa en que o Sr. Negreira iniciou o trámite de legalización, contra os intereses dos veciños e veciñas do barrio, dadas as consecuencias insalubres, nocivas e molestas da actividade.

Ademais, fixo fincapé en que o PXOM aprobado provisionalmente polo PP ampara esta legalización e incrementa a edificabilidade na zona. Tamén tivo palabras contra a instalación da antena de telefonía móbil no centro comercial dos Rosais, sobre o abandono do Emilia Pardo Bazán por parte do Goberno municipal e da Xunta de Galiza e sobre a falta de diálogo do Sr. Negreira co barrio, que se viu na obriga de suspender as tradicionais festas.

 

 

As prioridades do PP: 1.800 millóns máis para armas, as prioridades do BNG: as maiorías sociais