As propostas do BNG por un ensino público e de calidade

As propostas do BNG por un ensino público e de calidade

A Coruña, 3 de outubro de 2012.- Diante do CEIP Curros Enríquez, de Monte Alto, o candidato pola Coruña e ensinante, Suso Bermello, e a concelleira e tamén ensinante, María Xosé Bravo, presentaron perante os medios as principais liñas do programa do BNG en materia de ensino.

En primeiro lugar, a concelleira nacionalista expuxo que o Goberno presidido por Feijóo, no seu empeño en desprestixiar o ensino público, restoulle 425 millóns de euros ao orzamento destinado á educación. “E como consecuencia, o PP liquidou os avances acadados con anterioridade, tales como a gratuidade dos libros de texto, a extensión de comedores escolares, as melloras retributivas do profesorado, a ampliación dos cadros de persoal dos centros de primaria e de infantil, ou o impulso á normalización da lingua galega no ensino”, explicou Bravo.

Ademais, denunciou, “a Xunta do PP afanouse en suprimir unidades e centros educativos da rede pública, mentres apoiou a creación de novas unidades en centros concertados e restituíu as subvencións públicas aos centros que segregan o alumnado”.

O BNG aposta por recuperar e expandir a rede galega de escolas infantís

Pola súa banda, Bermello deu conta das propostas en materia de educación recollidas polo BNG. Así, apostou por unha rede pública de ensino nas etapas obrigatorias, reducindo de xeito progresivo os concertos educativos co ensino privado cara á súa desaparición e rescindindo, de xeito inmediato, aqueles que manteñan a segregación do alumnado.

O candidato nacionalista e ensinante propuxo recuperar o carácter público da rede galega de escolas infantís e procurar a súa extensión para garantir prazas públicas de acordo coas necesidades reais, particularmente nas áreas urbanas e metropolitanas, caso da Coruña.

Outra das medidas contidas no programa, segundo anunciou, será a restitución do programa Preescolar na casa, medida que se insire dentro dunha aposta global do BNG polo mantemento de servizos sociais no medio rural, e a gratuidade dos libros de texto, mediante un sistema de empréstito.

Bermello tamén apostou por reducir o número de alumnado por aula e por aumentar as prazas de comedor nos centros públicos, de acordo coas necesidades. Ademais, avogou por unha política de bolsas e axudas ao estudo “en todos os niveis do ensino, para garantir a igualdade de oportunidades, dun xeito específico nas etapas post obrigatorias e na Universidade, para asegurar a continuidade do alumnado nos estudos, coa fixación de criterios como a situación económica e o afastamento do lugar de residencia respecto da localidade de estudo”.

O candidato pola Coruña e ensinante reivindicou “unha mudanza nas leis educativas de rango estatal, para ampliar e respectar as competencias educativas propias de Galiza de xeito que se permita o estabelecemento de currículos equilibrados e adaptados á realidade galega”. A este respecto anunciou que o BNG fará fronte, a carón de toda a comunidade educativa (docentes, nais e pais, alumnado, PAS) ao intento do PP, a través da LOMCE, de perpetrar un auténtico golpe mortal ao sistema educativo e ao ensino público en particular. E afirmou Bermello que o fará desde o goberno, se o pobo decide darlle esa responsabilidade o día 21 de outubro, mais tamén desde a mobilización como fixo e leva facendo o BNG contra todas as medidas involutivas contra o ensino público. “Faremos todo o contrario do que está a facer Feijoo, que aplaude fervorosamente que lle retiren competencias en materia de educación”, concluíu.

O BNG desenvolverá as propostas por un ensino público esta tarde nun acto aberto á cidadanía

Precisamente, o BNG organiza esta tarde un acto sectorial no que debullará, polo miúdo, estas propostas. Ademais de contar coas intervencións de Bermello e Bravo, no acto participarán Luís Sande, pai e membro de ANPA, e Alba Castanedo, estudante.

O acto, aberto a toda a cidadanía, lugar esta tarde ás 19h na Fundación Rodríguez Iglesias (r/Cordelaría, 32).

 

 

As propostas do BNG por un ensino público e de calidade