O Sergas confírmalle ao BNG o peche da planta de medicina interna do Abente y Lago
A Coruña, 29 de novembro de 2013.- O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas confirmoulle esta mañá á deputada do BNG portavoz en materia de Sanidade, Montse Prado, o peche da planta de medicina interna do Abente y Lago, planta de 25 camas que leva pechada desde o mes de xullo. O responsábel do Sergas puxo de manifesto na comisión 5ª do Parlamento de Galiza que as 25 camas están inhabilitadas porque non son necesarias e, malia que o Sergas está a derivar pacientes á sanidade privada na área sanitaria da Coruña, atreveuse a dicir que a atención sanitaria está perfectamente cuberta e baixo control.
O director xeral de Asistencia Sanitaria sinalou que a planta do Abente y Lago se abrirá cando faga falta, ao que Montse Prado retrucou poñendo sobre a mesa as listas de espera cirúrxicas. Fai falta agora, cando temos en Galiza 37.000 pacientes en espera a seren operados e operadas, sinalou a deputada do BNG. A nacionalista acusou o responsábel do Sergas de enganar a cidadanía, pois unha planta de 25 camas non pode abrirse un día puntual, cando faga falta, sen que previamente estea dotada do persoal necesario, as camas soas non traballan, salientou.
A continuación, Montse Prado apuntou que non debe derivarse nin un só paciente á sanidade privada mentres o Sergas teña camas pechadas, como é o caso do Abente y Lago. Non pode haber infraestrutura sanitaria pública de quita e pon, como son as 25 camas desta planta de medicina interna. Que a Xunta de Galiza se permita o luxo de ter recursos públicos pechados só responde as ansias do Partido Popular polo fomento da sanidade privada en detrimento da pública, denunciou Montse Prado.
A deputada do BNG cualificou o peche desta planta de escandaloso e exixiulle ao Sergas unha rectificación inmediata para poñela en funcionamento, na medida en que podería ser empregada para ingresos de curta duración e de baixo risco. Nesta liña, insistiu en que a resposta do director xeral de Asistencia Sanitaria evidencia a aposta clarísima do Partido Popular por derivar pacientes á sanidade privada.
Montse Prado: As urxencias do CHUAC non están baixo control cando se empregan padiolas como se fosen camas e cando os luns ás 8h hai pacientes á espera de que se lle asigne unha cama
Amais do peche da planta de medicina interna do Abente y Lago, a deputada do BNG preguntoulle á Xunta de Galiza sobre o colapso das urxencias do CHUAC a finais de outubro. O director xeral de Asistencia Sanitaria limitouse a contestar que Montse Prado deu datos certeiros mais que fixo xuízos de valor non axustados á realidade e sinalou que a atención lenta nas urxencias ten lugar nun momento dado. O responsábel do Sergas puxo de manifesto que a situación asistencial é de total normalidade neste servizo.
Pola súa banda, Montse Prado advertiu de que as urxencias do CHUAC son boa mostra das políticas de acoso e derribo do PP á sanidade pública e salientou que funcionan ao máximo da súa capacidade e sempre ao límite. Como mostra, apuntou que o sistema informático recolle 40 padiolas estruturais, como se fosen camas, o que demostra que falta dotación e que non se pode atender os e as pacientes como sería debido pola mala xestión do Sergas. Engadiu que os luns, ás 8h, hai pacientes da fin de semana á espera de que se lles asigne unha cama. E isto acontece mentres vostedes teñen a planta do Abente y Lago pechada, denunciou. Calquera cuestión que supoña un pico, deixa as urxencias do CHUAC nunha situación de colapso, alertou.
As concelleiras María Xosé Bravo e Avia Veira participan na concentración convocada
Pola outra banda, as concelleiras do BNG María Xosé Bravo e Avia Veira concentráronse hoxe diante do Abente y Lago na mobilización convocada pola Comisión de Centro de Atención Especializada en contra do peche desta planta de medicina interna.