Carril, sobre o despexo: "Vivimos nun estado penitenciario onde o alcalde é o alcaide"
A Coruña, 27 de novembro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, que estivo desde primeira hora da mañá co grupo de persoas que se achegaron ás inmediacións do portal de Elisabeth Sanlés, denunciou en declaracións aos medios que non hai austeridade no despregue de medios para desafiuzar unha veciña da Coruña mais si a hai á hora de buscarlle unha vivenda alternativa e para loitar contra a pobreza. Vivimos nun estado penitenciario onde o alcalde pasa a ser alcaide, salientou Carril, que unha vez foi desafiuzada Elisabeth, se trasladou ao exterior da Comisaría de Lonzas para se interesar e apoiar as persoas detidas.
Pola súa banda, Francisco Jorquera, que tamén acudiu a Lonzas, lamentou, en declaración aos medios, que a Xunta de Galiza presuma dun gran protocolo para desafiuzamentos cando vemos casos como este, que se solucionarían se houber vontade política de proporcionar unha vivenda social a esta persoa. Sinalou que nun momento en que se apela a crise para acometer recortes en políticas básicas, é inxustificábel o depregue de policía desmedido que mesmo gravou as persoas concentradas contra o despexo, atentando contra dereitos democráticos básicos. Esta é a política do PP, responder a contestación cidadá con represión en vez de con políticas sociais xustas, concluíu.