O BNG reclama que os orzamentos da Xunta recollan 3,8 millóns para a rexeneración da ría do Burgo
A Coruña, 8 de decembro de 2013.- O BNG reclámalle á Xunta de Galiza a través de dúas emendas parciais aos orzamentos galegos un total de 3,8 millóns para que a limpeza integral da ría do Burgo. Así, as nacionalistas presentaron unha emenda de 3 millóns para a rexeneración e outra de 800.000 euros para o plano de recuperación do marisqueo. O BNG insiste na necesidade de que a Xunta de Galiza empregue os orzamentos galegos de 2014 para impulsar os sectores produtivos de cara á xeración de emprego e de riqueza na nosa cidade.
As nacionalistas consideran unha burla o millón de euros consignados nestes orzamentos de 2014 para a estación de bombeos do Temple, a única dotación que ten a ver coa ría do Burgo. É a terceira vez que esta partida aparece nos orzamentos galegos, xa que aparecera nas contas de 2012 e nas do 2013. Nas contas de 2014, a cantidade destinada á estación de bombeo do Temple é un 60% menor que a dos orzamentos de 2013.
O BNG ten a esperanza de que o Partido Popular acepte as emendas de 3,8 millóns para acometer a rexeneración da ría, máxime nun momento de crise cunhas cifras de desemprego altísimas. Alude o BNG aos datos da Confraría de Pescadores da Coruña, que salienta que hai 23 anos traballaban na ría do Burgo un total de 2.183 persoas e que esa cantidade diminuíu a día de hoxe até as 133 persoas.
O BNG reclama cartos para a posta en marcha dun centro de día e para a conexión da AP9 con Alvedro
Ademais, entre outras cuestións que lle atinxen á cidade, o BNG rexistrou unha emenda parcial de 200.000 euros para un novo centro de día na nosa cidade, unha das promesas estrela do PP que ficou en papel mollado. Tamén presentou unha emenda parcial de 1 millón de euros para a conexión do aeroporto de Alvedro coa AP9.
En materia de infraestruturas e mobilidade, as nacionalistas rexistraron unha emenda de 2 millóns destinados a potenciar un sistema aeroportuario galego e para reclamar as competencias na materia, outra emenda de 2 millóns de euros para o transporte metropolitano galego e unha emenda de 500.000 euros para a creación da Compañía Pública Ferroviaria Galega, de cara a implantar o necesario tren de proximidade entre A Coruña e a comarca.