Rodas: Temos xarda nas nosas augas subindo polo aparello arriba e resulta que non a podemos pescar"
A Coruña, 31 de outubro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG levará ao pleno do mes de abril unha moción na que tentará que a Corporación municipal apoie á frota do cerco e de artes menores que reclama un reparto xusto das cotas da xarda e do xurelo.
Hoxe, en rolda de prensa, a concelleira nacionalista María Xosé Bravo, o deputado do BNG Daniel Rodas e o presidente de ACERGA, Antón Pérez, entidade que agrupa o 90% dos barcos do cerco, exixiron para as cotas da xarda e do xurelo un reparto lineal proporcional ao número de embarcacións, onde se prime o número de tripulantes e os criterios de responsabilidade, alén de reclamar unha mudanza profunda da Política Común de Pesca da UE, e a derrogación do Principio de Estabilidade Relativa, que consagra a discriminación estrutural da frota pesqueira galega. Así mesmo, defenderon a presenza de Galiza nos foros que deciden o futuro da pesca galega para non ter que someterse aos criterios de Madrid e Bruxelas e reivindicaron o exercicio pleno das competencias galegas sobre as augas galegas, eliminando as cotas de pesca fixadas desde Bruxelas no noso propio litoral.
As nacionalistas salientaron que estamos ante un problema político onde os representantes de Galiza non están á altura e que se repite ano tras ano, condeando á fame á frota pesqueira galega. Así sinalaron que estamos ante un problema político porque, en primeiro lugar, quen reparte as cotas está alén das nosas fronteiras, porque, en segundo lugar, isto non é máis que a consecuencia do Tratado de Entrada na CEE que supón que dentro do reparto que lle corresponde á UE este ano, isto é 660.000 toneladas, o Estado español tócanlle a miserábel cantidade de 40.000 toneladas, e en terceiro lugar, porque hai unha falta de compromiso político do Goberno galego dentro do Estado para facer un reparto xusto que beneficie ao maior número de embarcacións e ao maior número de tripulacións, renunciando, deste xeito, a defender a frota galega e aceptando un reparto que queda brindado a través das capturas históricas, beneficiando, así, ás grandes frotas e ao modelo industrial en vez de conseguir a supervivencia do sector galego, sector maioritario na UE e en todo o atlántico co maior número de embarcacións, e todo isto avalado polos partidos políticos estatais. Así paradoxicamente, e por cuestións políticas, a frota galega, sendo a maior en número de embarcacións e a maior en número de tripulantes, obrígaselle a renunciar o dereito fundamental de poder pescar.
Temos as xardas nas nosas augas subíndonos polo aparello arriba e resulta que os galegos non a podemos pescar, sinalaron as nacionalistas, que queren visibilizar coa moción que o problema está aí e que no canto de baixar as orellas e deixar que sexan os outros os que decidan por nós, temos que enfrontalo e solucionalo, porque xa está aí tamén o problema da sardiña.
Levamos a pleno unha moción de apoio á frota do cerco e e artes menores que reclama un reparto xusto das cotas da xarda e do xurelo porque se trata dun problema político no que o Goberno Galego cala ante criterios discriminatorios
As nacionalistas contextualizaron na rolda de prensa a iniciativa, expondo que máis unha vez a Unión Europea, a través do Consello de Ministros de Pesca e co voto favorábel do Goberno español e a conivencia da Xunta de Galiza- volveu fixar uns Topes Autorizados de Captura (TAC) claramente discriminatorios para a frota pesqueira galega. Esta decisión, non fundamentada cientificamente, pretende primar os intereses económicos e comerciais doutros estados fronte ás necesidades do sector pesqueiro galego, claramente prexudicado en todo este proceso.
Así neste marco, explicaron as nacionalistas, en decembro do ano 2013, os representantes da Xunta de Galiza xunto cos representantes do sector pesqueiro galego negociaron en Madrid o reparto de cotas no Cantábrico noroeste; entre elas, estaban especies estratéxicas para a frota do cerco e de artes menores como a xarda e o xurelo.
No reparto que estabeleceu a UE do TAC da xarda, correspondíanlle ao Estado español 29.019 toneladas para o 2014, das cales hai que descontarlle unhas 7.000 toneladas que é a sanción que esta lle impón a toda a frota por se exceder nas capturas asignadas nos anos 2009 e 2010.
No caso do xurelo correspondeulle ao Estado español un total de 16.592 toneladas, o que supón un 26% menos das toneladas que se recibiron o ano pasado, mentres aos bascos se lles manteñen as capturas na zona Ciem VIIIb (Golfo de Bizkaia) e son compensados coa subida do verdel (estornino ou xarda veteada), un 30%, saíndo, máis unha vez, claramente beneficiados.
Na negociación do reparto por parte do Estado español xulgábase que a intención era eliminar o modelo dos últimos anos, que obrigaba a terse que desprazar a frota galega a Cantabria ou ao País Basco se querían pescar algo, pois en poucos días, esgotábase a cota. Cómpre trocar, afirmaron as nacionalistas, este modelo discriminatorio por outro máis acorde coa realidade galega, que lle permita á embarcación ter dereito a un total de capturas e poder pescalo cando e onde o considerar, sinalaron as nacionalistas.
Seguidamente sinalaron que na negociación que se levou a cabo impúxose o modelo basco, que contou coa colaboración do Goberno español e a inhibición do Goberno galego; isto é, que as capturas históricas tivesen o maior peso posíbel no reparto, comezando nun 90-10 e admitindo un preacordo onde as capturas históricas lle correspondía o 70%, e outros factores, como número de tripulantes, GT's, etc., unicamente alcanzaban o 30%.
Con este reparto a frota galega, que ten 153 barcos de cerco, correspondíalle o 25% das cotas de xarda, mentres que a basca, con 54 embarcacións, conseguía cáseque o 50% do total das capturas. Este criterio de reparto realizouse interesadamente a partir das capturas históricas, computándose nestas as realizadas entre os anos 2002 e o 2011. Nestes anos a pesca en Galiza estivo regulada mediante topes, non así o doutras comunidades costeiras e coincidindo ademais cos anos onde houbo un exceso de capturas (2009 e 2010), con sancións da UE. Para alén disto, o modelo destes últimos anos xa viña prexudicando gravemente a frota galega, dado que o reparto era global e cando a xarda chegaba ás nosas augas, a cota estaba esgotada impedíndosenos pescala.
As nacionalistas sinalaron que con motivo das mobilizacións do cerco, retomáronse as negociacións con Illas Feroe e Noruega e conseguiuse un novo acordo, que foi o que supuxo que se aumentara a cota do cerco para Galiza en 1.540 tn, mais tamén aquí Galiza sae prexudicada deste novo reparto, porque ao País Basco correspondeulle 3.200 tn máis ou a Gran Bretaña supúxolle chegar as 288.000 tn.
A maiores lembraron que historicamente a frota basca non pescaba esta especie. Comezou a pescala a raíz de se ter esgotado a pescaría do bocareu. No actual acordo de reparto en función das últimas capturas históricas non se prima a quen tivo regulada as súa actividade, nin a quen pescou menos, nin a quen non se excedeu das capturas, sinalaron as nacionalistas: prímase a quen se incorporou tardiamente a esta pescaría, a quen non a tivo regulada e, sobre todo, recoñéceselle como captura histórica a quen pescou de máis.
O Estado español é cómplice, denunciaron as nacionalistas, mentres o Goberno galego cala, admitindo uns criterios discriminatorios, ao igual que a Unión Europea, esquecéndose dos argumentos de boa xestión pesqueira, e permitindo uns criterios máis políticos que sociais, abocando a frota galega á miseria.
A única saída a esta situación é que o Goberno español anule este acordo e que se inicie unha nova negociación onde os criterios sexan obxectivos, isto é: debe existir un reparto lineal proporcional ao número de embarcacións, onde se prime o número de tripulantes e os criterios de responsabilidade.