O BNG denuncia o deterioro da cárcere polos incumprimentos do Concello e de Penitenciarías
A Coruña, 27 de marzo de 2014.- Ante as reiteradas denuncias, mais unha vez, da veciñanza de Monte Alto sobre o estado de deterioro continuo e os desprendementos dos revestimentos do edificio, o Grupo Municipal do BNG sinala que nin a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios, nin o Concello da Coruña están a cumprir coas súas obrigas legais e isto está a ocasionar o deterioramento do cárcere.
O Estado, propietario do Cárcere, non vela pola súa conservación e o Concello consíntello
Así as nacionalistas insisten en lembrar que o Estado, propietario da antiga prisión provincial, ten que velar pola súa conservación e non está a cumprir coas súas obrigas legais non tomando ningunha medida necesaria para o seu mantemento, nin acometendo ningunha reparación. Alén diso, o Concello, salientan as nacionalistas, segue sen lle exixir nada ao Estado e consente a actitude deste ao non manter o cárcere nunhas mínimas condicións de acceso e uso, tal e como sinala a normativa urbanística.
O BNG sinala que co paso do tempo máis grande está a ser a degradación deste edificio singular e volve pedir que se tomen medidas xa. Insisten as nacionalistas que a situación do tellado é de alarma total, que asemella un horto urbano, e que pouco lle falta para que nalgunha zona se veña abaixo. Ademais alertan, como sinala a entidade veciñal do barrio, do perigo para as persoas que pasean polo redor do edificio, sobre todo cando hai temporais, como os que bateron recentemente na cidade, que provocaron que planchas da cuberta como numerosas tellas voaran por mor dos fortes refachos de vento.