Veira: "O Goberno propón os aparcadoiros privados como a solución do aparcamento na Cidade Vella"
A Coruña, 2 de abril de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Goberno Local deixa en mans unicamente dos aparcadoiros privados de pago, máis concretamente do aparcadoiro do Parrote, a solución do estacionamento masivo dos coches na Cidade Vella.
Aos máis de vinte e oito millóns de euros de cartos públicos destinados aos túneles do Parrote e A Mariña, única alternativa de mobilidade do Goberno Sr. Negreira para a Cidade Vella, temos que engadir agora os 400.000 orzamentados no PMUS para o plan de redución paulatina do estacionamento na Cidade Vella, advirten as nacionalistas.
O BNG da Coruña sinala que a Cidade Vella só é nomeada nas propostas do PMUS no Plan de Estacionamento, en concreto, na proposta nomeada como Redución paulatina do estacionamento na Cidade Vella e denuncia que o Goberno do Partido Popular se nega a apostar realmente pola peonalización, que non é nin nomeada dentro das diferentes fases de actuacións que se estabelecen dentro da proposta.
As nacionalistas tamén denuncian que o Goberno Local tampouco aposta na Cidade Vella polo transporte público como unha alternativa de mobilidade para, nomeándoo de xeito anecdótico con medidas futuríbeis e sen concretar nin o orzamento nin os indicadores de seguimento correspondentes.
Á vez que o PEPRI remite ao PMUS, o PMUS remite ao PEPRI recollendo que este ofrece unha visión e solución integral do ámbito no lugar de dar as alternativas de mobilidade que precisa a Cidade Vella
As nacionalistas lembran que a Revisión e Adaptación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella e a Pescaría, aprobada inicialmente en decembro de 2012, na que supostamente se aposta pola peonalización, introdúcese un matiz importante: Las consideraciones de movilidad y tráfico de la RyA PEPRI tienen sólo carácter indicativo como propuesta a ser discutida en el ámbito del PMUS, con lo que no es vinculante.
Agora o documento do PMUS recolle que está en fase de aprobación el Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI), que ofrece unha visión e solución integral do ámbito.
É por isto que o Grupo Municipal do BNG advirte que máis ben semella que están a pasarse a pelota da mobilidade na Cidade Vella dunha concellaría a outra sen ofrecer unha solución global e conxunta.