As obras da Mariña: ilegalidade tras ilegalidade
Autoridade Portuaria actúa ilegalmente ao licitar ao abeiro de normativa urbanística que aínda non está en vigor, que é o que sucede co PEOZOS e co PEPRI aprobados inicialmente mais non definitivamente e sen que aínda se teñan contestadas as alegacións presentadas contra estes.
Isto é o que acontece no concurso para ocupación dos locais dos baixos do Parrote e para as obras de urbanización da Mariña
Ante a publicación do concurso para o outorgamento de dúas concesións para a ocupación dos locais nos baixos do Parrote e da contratación para a realización das obras de urbanización da Mariña, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que Autoridade Portuaria está a actuar ilegalmente ao licitar estes dous contratos ao abeiro de normativa urbanística que aínda non está en vigor. Hai que lembrar que nin o Plan especial de ordenación da zona de servizo do porto (PEOZOS) nin o Plan especial de protección e reforma interior da Cidade Vella e a Pescaría (PEPRI), aínda non están en vigor porque están pendentes da súa aprobación definitiva, sen que se teñan contestado a día de hoxe as alegacións formuladas contra os mesmos.
Isto é o que sucede co concurso para o outorgamento de dúas concesións para a ocupación dos locais nos baixos do Parrote, que aparece no perfil do contratante de Autoridade Portuaria. No anexo 2 dos pregos en cuestión alúdese ao artigo 47 do PEOZOS e aos infomes e resolucións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultura, indicando para tales efectos que os usos dos baixos son:
Uso global: Equipamento, complemento terciario, pasaxeiros e deportivo
Usos pormenorizados:
-Terciario-oficinas: preferentemente oficinas de consignatarios e transitarios, aseguradores, armadores, empresas pesqueras, asociaciones de mpresas marítimas e pesqueiras e en xeral, empresas de servizos
-Terciario comercial: uso recreativo: salas de reunión (cafés concerto, pubs, discotecas, casinos, bingo, salas de festa e baile e asimilados), espectáculo (cinemas, teatro e asimilados), estabelecementos para consumo de bebidas e comidas (restaurantes, bares e asimilados) e outros (parques infantís, acuarios .)
-Terciario comercial: actividades relacionadas co comercio turístico, de efectos navais, franquicias e asimilados
-Equipamento cultural, deportivo, administrativo, social, educativo
Autoridade Portuaria omite dicir que o Plan especial de ordenación da zona de servizo do porto é un plan urbanístico que todavía non está aprobado definitivamente a respecto do cal aínda non se ten nin coñecemento da resposta ás alegacións formuladas contra o mesmo (o BNG, que alegou contra o mesmo, aínda non ten coñecemento da resposta ás súas alegacións). Á gravidade de licitar ao abeiro dun plan especial, como o do Porto, que ainda non está en vigor por non estar aprobado definitivamente, hai que engadirlle que os usos que contempla para os baixos son contraditorios aos usos previstos noutros documentos urbanísticos, como é o caso do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións para a mobilidade na zona da Mariña e do Parrote, que só recoñece usos culturais. En definitiva, a Autoridade Portuaria actúa ilegalmente ao licitar conforme a un PEOZOS que aínda non foi aprobado definitivamente, que non está en vigor nin se aplica, e que resulta contraditorio aquí con outros documentos urbanísticos en tramitación tamén pendentes de aprobación definitiva.
Volve facer o mesmo Autoridade Portuaria cando de xeito ilegal licita as obras de urbanización da Mariña sen ter abeiro normativo na medida que o PEPRI e o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións para a mobilidade na zona da Mariña e do Parrote non foron aprobados definitivamente, nin sequera aínda foron resoltas as alegacións. Sendo por tanto, estas obras, non só un despilfarro económico senón ademais ilegais, xa que non están abeiradas legalmente, pois habería que aprobar definitivamente o PEPRI e o Plan especial para que se puidesen levar a cabo estas actuacións de urbanización. Mais Autoridade Portuaria semella que pouco lle importa cumprir coa legalidade dado que está máis preocupada en cumprir en función de prazos unica e exclusivamente electorais.