O BNG aposta decididamente polo pequeno e mediano comercio da Coruña

A concelleira María Xosé Bravo falando con veciños e comerciantes da rúa Mercé.
O BNG aposta decididamente polo pequeno e mediano comercio da Coruña

A concelleira María Xosé Bravo falando con veciños e comerciantes da rúa Mercé.

Así mesmo denuncia a situación de abandono por parte do goberno local dos comercios da rúa da Mercé e da súa contorna.

O Grupo Municipal do BNG denuncia a situación de esquecemento e abandono que viven as comerciantes da rúa da Mercé e a súa contorna por parte do Goberno Local. A concelleira, María Xosé Bravo, visitou no día de hoxe a rúa de Mercé para poñerse ao dispor das persoas que rexentan estes estabelecementos ante a situación crítica que está a sufrir o comercio de proximidade desta zona.

As persoas comerciantes da zona queixáronse da falta de diálogo e de abandono por parte do Goberno Local. Así, manifestaron que non obteñen resposta do Alcalde, nin da Sr. Cid, ás súas solicitudes de encontro para falaren do preocupante momento que está a vivir o comercio da rúa da Mercé e contorna, cunha ameza de peche de moitos dos seus estabelecementos comerciais.

As e os comerciantes solicitáronlle a María Xosé Bravo que levase nos vindeiros plenos iniciativas para a reactivación do comercio da zona e laiáronse da falta de pequenas axudas ou vías de financiamento que lles permitan desenvolver a súa actividade comercial, pois se ven incapaces de faceren fronte ás distintas cargas que soportan para manteren o comercio aberto.

Deste xeito, a nosa concelleira solicitou ao Goberno Municipal que poña as medidas necesarias para primeiramente estabelecer un diálogo con este colectivo e en segundo lugar pediulle que non deixe á súa sorte ás comerciantes e que se poña a desenvolver todo tipo de actividades e axudas desde as distintas concellarías que teñen relación co ámbito para reactivar o comercio local e de proximidade, pois este é un sector importantísimo para a economía e o emprego na cidade, e para a humanización e vida dos nosos barrios.

María Xosé Bravo denunciou, tamén, que esta situación de abandono do comercio non é un problema de cartos “cando estes días vimos de saber que o Goberno Local deixou de executar 277.923,79 euros do Plano de Dinamización do Comercio Local durante o 2013, é dicir o 39,70% do presupostado, e cando o Goberno do Sr. Negreira inviste máis de 30 millóns nas obras do Parrote e da Mariña e ao mesmo tempo ten os barrios abandonados”.

Na visita desta mañá tamén estivo presente o secretario comarcal da CIG, Xabier Filgueira, que aproveitou para lles presentar ás comerciantes a Iniciativa Lexislativa Popular sobre medidas de emprego que está a levar a impulsar o sindicato nacionalista e en concreto expúxolles as dirixidas ao ámbito do comercio. O apoio a esta ILP foi levada a pleno a través dunha moción polo Grupo Municipal do BNG no pasado mes de marzo.

 

O BNG aposta decididamente polo pequeno e mediano comercio da Coruña