O BNG anima á veciñanza da Coruña a visitar a Festa do Libro
Reducir a cultura, afogar os libreiros; esta é, non outra, a política do Partido Popular.
No BNG salientamos a ausencia das Bibliotecas Municipais na Festa do Libro que atraían a moitísimo público
Neste día no que se inaugura a XV edición da Festa do Libro, o BNG anima á veciñanza da Coruña a visitar a Festa e a mercar, nestas datas tan sinaladas, algún libro.
O BNG volve a denunciar o drástico recorte que sufriu a axuda para a Agrupación de Libreiros da cidade, recorte preto ao 60% respecto o ano pasado e que impide que a festa que se facía outros anos poida reeditarse. Unha ducia de librerías da cidade, o consultorio das bibliotecas, actividades de presentación de libros, etc., todo iso desaparece e só 5 librarías saen este ano á rúa e non están as bibliotecas municipais, mais o esforzo da Agrupación de Libreiros da cidade, con varias actividades, loita para que este 2014 a Festa do Libro non sexa un pouco máis triste, un pouco máis pobre.
Desde a chegada do PP ao Goberno da cidade cada ano foise minguando a axuda coa que os libreiros/as facían a Festa do Libro. E neste 2014 a redución é tan importante que desde o BNG xa denunciamos que puña en perigo a continuidade da Festa tal e como a coñeciamos.
Pasamos no 2011 dunha axuda de 10.300 , ao 2012, cunha axuda de 10.198 , o ano pasado, 2013, con 9.000 e xa este anos, con tan so 4.000 .
"Desde a chegada do PP ao Goberno da cidade a inversión na Festa do Libro reduciuse un 61%".
Se hai uns días nos preguntabamos que ten o PP contra o libro e a lectura, hoxe con tristura facémonos a mesma pregunta, porque de xeito histórico esta cidade mantivo sempre un compromiso coa lectura mais a chegada do Partido Popular supuxo un retroceso moi daniño. Cando no anterior goberno esta área foi responsabilidade do BNG traballouse coas Bibliotecas, coas librarías, coas editoriais, cunha política de inversión que fomentaba a lectura e a difusión do libro, ampliando o mapa de bibliotecas traballando coa Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, cos editores e cos libreiros buscando o compromiso dos medios de comunicación para a campaña A CORUÑA A CIDADE QUE LE
Desde que o PP chegou ao Goberno Municipal ten no seu haber tentar pechar unha biblioteca (a da AVV do Monte Alto), diminuír de xeito continuado as partidas destinadas á compra de libros e minguar a achega á Agrupación de Libreiros para a organización da festa do libro.
O BNG xa denunciou no seu momento a rebaixa nas partidas que desde as bibliotecas se xestionan de cara a seguir sendo o recurso principal da cidadanía para conseguir niveis igualitarios no acceso á cultura. Así diminúen as partidas destinadas a mercar prensa, revistas, libros e outras publicacións, pasando de 134.256 euros no 2011 a 95.000 no 2014, unha diminución do 30%. E isto sucede mentres a Concellaría de Cultura aumentou en 600.000 euros o orzamento para este ano, 400.000 para o IMCE e 200.000 para Cultura.
E mentres o Concello rebaixa a partida para a compra de libros tamén a Xunta de Galiza, desde que o PP chegou ao Goberno galego, está a reducir as achegas ás bibliotecas para mercar libros. Esta redución de orzamento incide de xeito moi negativo sobre as vendas das librarías da cidade porque as bibliotecas municipais fan as súas compras nas librarías dos barrios onde están enclavadas.
Deste xeito as axudas da Xunta para a compra de libros pararon de 43.290,00 , no 2010 a 19.773,00 no 2013, chegandose nin a se convocar no ano 2011.
Alén do desprezo e a ignorancia da que fai gala o Partido Popular, o BNG anima á veciñanza da Coruña a mercar, nestas datas tan sinaladas, algún libro, na Festa do Libro ou nas librarías de barrio, eses centros culturais de proximidade que tanto fan polo libro, a lectura e a cultura en xeral.