EPA: O empeoramento da vida na Coruña co goberno do PP provoca a destrución de 5.100 empregos
A Coruña, 24 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG sinala que os datos da Enquisa de Poboación Activa correspondentes ao segundo trimestre do ano reflicten que o Goberno do Sr. Negreira provoca que cada vez se viva peor na cidade da Coruña, que conta con máis persoas sen traballo e con máis persoas que se ven avocadas ao drama da emigración. Os datos da EPA recollen que mentres no segundo trimestre de 2013 había 105.300 persoas ocupadas, é dicir, con traballo remunerado, no segundo trimestre de 2014 tan só houbo 100.200 persoas ocupadas, é dicir, destruíronse un total de 5.100 postos de traballo, o que supón unha destrución de 425 empregos ao mes e 14 ao día. As cifras de ocupación tamén son negativas comparando os datos deste segundo trimestre do ano cos do primeiro trimestre deste mesmo ano (102.300), xa que se destruíron 2.100 empregos, en tan só tres meses.
Pola outra banda, a EPA tamén reflicte unha caída no número de poboación activa. Mentres no segundo trimestre de 2013 había 126.400 persoas activas, no segundo trimestre de 2014 só se rexistraron 122.800. O desánimo das persoas, que deixan de apuntarse ás listaxes do paro, o envellecemento da poboación (maior número de persoas xubiladas) e, sobre todo, a emigración explican a caída da poboación activa na nosa cidade. A Coruña está a perder persoas activas xa que cada vez máis xente se ve na obriga de deixar a cidade en busca de traballo.
A EPA non recolle as cifras crecentes da emigración, mais o Padrón de Residentes no Estranxeiro demostra a sangría
En base a que a EPA non recolle o drástico impacto que a emigración está a ter na cidade da Coruña (tal e como pode comprobarse na metodoloxía desta enquisa, non son enquisábeis as persoas que levan máis de tres meses fóra), o BNG tira dos datos da Estatística do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro para demostrar o incremento da emigración na nosa cidade. A 01.01.2013, había 27.229 persoas do Concello da Coruña no exterior do Estado español, dos que 13.385 eran homes e 13.844 eran mulleres e a 01.01.2014, había 28.671 persoas do Concello da Coruña no exterior do Estado español, sendo maior o número de mulleres que marcharon, 14.532, que de homes, 14.139. Cómpre salientar que este padrón de residentes no estranxeiro non reflicte os datos dos coruñeses e coruñesas que marchan para outros Concellos pertencentes ao Estado español, motivo polo cal a emigración na cidade é aínda maior do que reflicte este padrón.
Por último, o Grupo Municipal do BNG insiste en denunciar as condicións laborais das persoas que teñen traballo, cada vez máis empobrecidas dado o emprego máis precario (de moi baixa calidade e de curta duración) e os salarios máis baixos. Estas peores condicións laborais responden ás últimas reformas laborais acometidas polo PSOE e, nomeadamente, polo PP, reformas que supuxeron que se pasara do contrato de traballo á servidume.