O BNG cualifica de intolerábel o aumento do gasto en festas
A Coruña, 14 de xullo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG presentou en días pasados as súas reclamacións ao modificativo de crédito do IMCE que será levado ao pleno do mes de xullo. As nacionalistas consideran que non é xusto nin equitativo que o IMCE aprobe un suplemento de crédito do modificativo do orzamento do propio instituto por 881.757,77 euros destinado na súa totalidade para festas, ao que hai que sumar os 300.000 euros, tamén para festas, que o Concello suplementa ao orzamento inicial do IMCE, cando a realidade está a salientar que máis de 20% de menores está en situación de pobreza, con familias onde non entran ningún ingreso.
Así as nacionalistas manifestan que os gastos en festas son cuantiosos, excesivos, desmesurados, exaxerados, desorbitados, xigantescos, desmedidos, abusivos, ostentosos intolerábeis. E salientan que a Conta Xeral de 2013 evidencia que o crédito orzamentario do IMCE durante o pasado ano incrementouse até os 7.511.534,65 e houbo unhas obrigas recoñecidas de 6.628.315,45 euros, é dicir, os gastos do Instituto Municipal medraron sen cesar, ano tras ano, e con destino a festas.
Mentres se aumentan as partidas para festas, denuncian as nacionalistas, nunca tan pouca actividade cultural houbo na cidade e as entidades, colectivos e persoal vencelladas ao ámbito cultural viven situacións difíciles e precarias.